top of page

A 34ª Festa do Melindre remata consolidándose como cita gastronómica de referencia

Ecos da Comarca/Melide

O xornalista Xosé Luis López Vila foi o encargado de pronunciar o pregón da 34 Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, nun acto celebrado este domingo no Cantón de San Roque no que tamén foi nomeado embaixador desta cita, xunto con Pilar López e ASETEM.


Saudou a peregrinos, turistas e visitantes nunha festa que, segundo remarcou “ten a intención máis loable: protexer, poñer en valor e recuperar os doces tradicionais desta vila

de Melide. E está claro que os reposteiros o conseguiron. Agardamos que os

establecementos perduren no tempo e que o relevo xeracional continúe con este valor

cultural da gastronomía galega: o melindre”, precisou.

No seu discurso, o locutor da Radio Galega declarou sentirse “privilexiado e orgulloso” de

ser o pregoeiro desta cita declarada de Interese Turístico Galego por estar ante a “cita

gastronómica máis importante de Melide e da súa contorna”. Fixo un repaso pola súas

orixes, como fillo de emigrantes galegos no País Vasco e recordou a gran cantidade de

xente de Melide que atopou en Euskadi.


Destacou a importancia de que os mozos e mozas aposten polo rural, que sigan ou

volvan ás aldeas para dinamizar o sector agrícola ou gandeiro ou aqueles que emprenden

novos negocios para o desenvolvemento económico da súa contorna. Ademais, reivindicou a importancia do Camiño de Santiago para Melide á que definiu como “unha vila única” pola “hospitalidade dos veciños, polo matrimonio inmaterial, o natural ou o gastronómico, que hoxe se exalta”. Recoñeceu que el mesmo aprendeu a facer un destes doces na casa de Casal de Riocobo, no Barreiro, coa axuda dos seus cuñados e cuñadas. “Levo sempre algún dos produtos desta terra para a miña casa”, engadiu.


Tamén valorou o feito de que Melide “é un dos poucos concellos que teñen vida os

domingos e ocio nocturno”.


Pola súa banda, o alcalde da vila, José Manuel Pérez, referiuse ao Melindre como “tradición, identidade, cultura, sabor, artesanía e orgullo” e asegurou que ademais de todo

iso “queremos que sexa futuro”. Avogou porque os doces de Melide perduren e

“reinventen o seu potencial”, polo que comprometeu a impulsar “de xeito institucional non

só a festa, senón a uns artesáns e produtores que co seu traballo manteñen viva unha

tradición e levan o nome de Melide por todo o mundo”.


Embaixadores do Melindre

O xornalista López Vila foi nomeado hoxe embaixador da XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, organizada pola administración local, recoñecemento que tamén se lle outorgou a Pilar López López e á Asociación de

Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM).


A distinción de Embaixador ou Embaixadora do Melindre recoñece o labor de persoas ou

institucións pola promoción de Melide e, directa ou indirectamente, da repostaría

tradicional da vila.


Pilar López López

No caso de Pilar López López, o Concello destaca o seu papel como xerente de ASETEM

e figura clave na dinamización do comercio local e na promoción da gastronomía e dos

produtos estrela da vila, como son os ricos, melindres e amendoados.


Pilar López leva anos traballando de maneira incansable para fortalecer o tecido empresarial da vila, impulsar campañas de apoio ao comercio de proximidade e poñer en

valor os produtos que definen a contorna melidense. “O seu compromiso coa

comunidade, a súa capacidade de mobilización e a súa defensa constante da tradición e

da calidade convértena nunha representante excepcional para esta edición da festa”,

aseguran.


A pesar de non nacer en Melide, Pilar López é unha “firme” embaixadora da vila, das súas

tradicións e, especialmente, do comercio, da hostalaría e das empresas locais, así como

dos melindres, ricos e amendoados.


Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM)

Pola súa banda, a Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM) naceu o 30 de outubro de 1989 co obxectivo de defender os intereses do

empresariado da comarca. Desde os seus inicios, a entidade integrou autónomos e

empresas de diferentes sectores, converténdose nun axente clave para a dinamización

económica de Melide e dos concellos da zona.


Ao longo da súa traxectoria, ASETEM mantívose fiel ao compromiso de promover o comercio e a actividade empresarial local, dando un paso decisivo en 2005 coa súa

constitución como Centro Comercial Aberto e consolidándose en 2010 como colectivo

único de representación empresarial tras a integración doutras asociacións.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Na actualidade, continúa a ser un referente no apoio, modernización e fortalecemento do

tecido económico da Terra de Melide. Ademais, “destaca polo impulso de numerosas

iniciativas entre os seus asociados e asociadas para promover e poñer en valor a Festa

do Melindre e a repostaría tradicional, así como os produtos máis representativos da

comarca: amendoados, ricos e melindres”, aseguran dende o Goberno local.


O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, tamén participou onte na inauguración da XXXIV edición da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, acompañado polo alcalde de Melide, José Manuel Pérez.


Durante o acto institucional celebrado no Cantón de San Roque fíxose entrega dos pins e diplomas acreditativos ás novas persoas e entidades distinguidas como “Embaixador/a do Melindre 2026”: Pilar López López, a Asociación Empresarios Terra de Melide (ASETEM) e o xornalista da Radio Galega Xosé Luis López Vila, encargado ademais do pregón desta edición.


Julio Abalde felicitou ás persoas e entidades homenaxeadas pola súa contribución á promoción da vila e da súa tradición reposteira, salientando “o papel fundamental que desempeñan o comercio local, a hostalaría, o asociacionismo e os medios de comunicación na difusión da identidade cultural e gastronómica de Melide”.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

O subdelegado destacou tamén que “a Festa do Melindre é un exemplo de como a tradición, a artesanía alimentaria e o traballo colectivo poden converterse nun motor económico, turístico e cultural para toda unha comarca”. Ademais, puxo en valor “o esforzo das persoas e entidades que traballan cada día para conservar e promocionar produtos tan representativos como os melindres, “ricos” e amendoados”.


Tras o acto institucional, as autoridades realizaron un percorrido polos stands instalados no Cantón de San Roque, onde puideron coñecer de primeira man o traballo dos obradoiros e produtores participantes nesta edición.


A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, declarada Festa de Interese Turístico Galego, constitúe unha das citas gastronómicas máis relevantes de Galicia e ten como obxectivo protexer, divulgar e poñer en valor a tradición reposteira da Terra de Melide, estreitamente vinculada ao patrimonio cultural e ao Camiño de Santiago.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page