top of page

A 15 días de pechar o prazo, o Trail da Carixa xa supera as 200 inscricións

19 ago
2 min de lectura

Laura Moure/Vila de Cruces

A organización do Trail da Carixa amósase sorprendida pola boa resposta que está tendo a convocatoria, xa que as inscricións veñen de superar as 200 participantes cando aínda faltan case 15 para o peche do prazo. Unha cifra que supera as previsións dos anos anteriores para estas mesmas datas e que confirma o interese que está espertando a cita.

Onte tivo lugar a presentación da cita nos Concellos de Silleda e Vila de Cruces. Entre as novidades e atractivos desta edición, a organización xa ten pechado o apoio para as e os máis pequenos, que contarán cunha colchoneta inchable da man de Tikolandia. Unha proposta pensada para que as crianzas poidan divertirse mentres as nais e pais participan e desfrutan da proba deportiva con maior tranquilidade.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A xornada contará tamén cun dos momentos máis agardados ao remate da carreira: a tradicional comida para compartir entre participantes e acompañantes. Non faltarán os mexillóns de Amegrove nin as empanadas elaboradas polas panaderías do concello de Vila de Cruces, mantendo así o carácter gastronómico e de convivencia que caracteriza a celebración.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Outro dos atractivos será a bolsa do corredor, que chegará cargada de produtos de máxima calidade procedentes de ambos os concellos. Entre os agasallos figuran as Rosquillas de Abades, os chourizos de Cárnicas Mosquera e o queixo de Cobideza-Covidiña, ademais dun agasallo sorpresa.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A organización anuncia, ademais, centos de agasallos repartidos entre as distintas categorías e distancias, aos que se suma unha das novidades desta edición: haberá un premio especial para o equipo que consiga inscribir o maior número de corredores e corredoras na proba.

Con case 15 días aínda por diante para o peche das inscricións e máis de 200 participantes xa confirmados, a organización confía en que a cifra continúe medrando e que esta edición se converta nunha das máis participativas dos últimos anos.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page