90 persoas da provincia de Pontevedra, entre elas de Lalín, desfrutarán do programa de termalismo
Son 87 persoas de 23 concellos da provincia, que chegarán ao Hotel Carlos I, Ao Gran Talaso e ao Novo Astur, en Sanxenxo
Ecos da Comarca/Deza
Preto de 90 persoas desfrutarán desde este domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar, con estadías no Hotel Carlos I, o Gran Talaso e o Novo Astur, en Sanxenxo. En concreto, son persoas dos concellos da Cambados, Cangas, Covelo, Crecente, Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Moraña, As Neves, Pontevedra, O Porriño, O Rosal, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Valga e Vigo.

En concreto, 30 persoas de Gondomar, Cangas, Covelo, Lalín, As Neves, Pontevedra, O Porriño, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui desfrutarán do programa no Hotel Novo Astur; 21 de Cambados, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Moraña, Pontevedra e O Rosal farán o propio no Gran Talaso, mentres que 41 persoas de Covelo, Crecente, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Lama, Marín, Meaño, Pontevedra, Valga e Vigo se aloxarán no Hotel Carlos I.
No marco do programa de termalismo +Benestar serán preto de 2.200 as persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia as que desfruten de estancias de seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e , ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
Publicidade
O organismo provincial subvenciona un total de 2.097 das prazas, que son de réxime xeral, con 100 €, e outras 30, de réxime especial, están subvencionadas con 400 €, e os usuarios deben facerse cargo da cantidade restante. Ademais da estadía, o paquete comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.








Comentarios