top of page

400 profesionais defenden no Leboreiro, Melide, un novo modelo territorial para Galicia

13 jul 2025
2 min de lectura

Ofreceron colaboración no territorio respecto das “ameazas” de Altri, a Mina de Touro-O Pino e a experiencia de Ence


Ecos da Comarca/Melide/A Ulloa

Profesionais da arquitectura e o urbanismo, xunto con outras disciplinas profesionais e académicas de todo o país, asistiron este sábado no Leboreiro (Melide) a un “Encontro de Profesionais Pola Defensa do Territorio”. Logo de percorrer un treito de 5 quilómetros do Camiño Francés a Santiago entre o albergue de peregrinos da Casanova (Palas de Rei) e O Leboreiro (Melide), máis de 150 asistentes ao acto concentráronse para dar lectura ao manifesto que estes profesionais subscribiron -suman xa 397 sinaturas- e no que avogan por un modelo territorial para o país que remate coas “ameazas” que nestes intres son a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei ou a reapertura da Mina de Touro-O Pino, e a que sigue a representar a celulosa de Ence en Lourizán.

No Leboreiro reuníronse algunhas das personalidades mais relevantes da arquitectura, xeografía, socioloxía, ou da arte...do panorama galego, defendendo, sobre o terreo, dunha das consideradas “zona cero” destas ameazas industriais sobre o territorio. Os promotores do manifesto destacaron o seu ofrecemento a “asesorar e colaborar” na loita que a veciñanza leva librando contra a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei durante o último ano e medio.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Neste acto, conducido polo actor Quico Cadaval, non so tiveron voz a xente do deseño e a ordenación do territorio, senón tamén as veciñas e veciños que explicaron a súa experiencia vital, o seu traballo diario no territorio e as súas inquedanzas perante as

inminentes ameazas.


Interviñeron: Antón Masa, presidente da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Lois Varela, gandeiro en Carteire (Palas de Rei), Pilar Bispo bióloga e produtora ecolóxica en Vila de Cruces, María Gontá, enxeñeira naval e veciña de Antas de Ulla, Miguel Álvarez, veciño de Leboreiro (Melide), representando a voz da mocidade da comarca, Socorro Cea, profesora de Melide, que alertou sobre o efecto de Altri sobre os espazos dos nenos, Xosé Lois, gandeiro de Palas de Rei, Ana Pernas, avogada de Silleda, que apostou polo estatuto coma entidade xurídica do río Ulla e ría de Arousa, Alba Meijome, traballadora social de Lalín, Concha Casares, hosteleira en Melide, Xosé Manuel Broz, director do Museo da Terra de Melide, e Juan Pedro Sánchez, presidente da Plataforma Ulloa Viva , quen agradeceu as aportacións dos profesionais “cos que esta plataforma contou desde o primeiro momento e sigue a contar” porque, segundo destacou, “ ninguén se salva so, so nos salvamos xuntas", entre outros. ECOS DA COMARCA PUBLICAREMOS NOS VINDEIROS DÍAS O VÍDEO DA INTERVENCIÓN DE TODOS.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A continuación, o colectivo de profesionais independentes que organizou o acto procedeu á lectura do manifesto, realizado polo grupo promotor, formado por Plácido Lizancos, Mari Carmen Tapia, Xosé Allegue, MarÍa Alba López Barreiro, Jorge Duarte, Jorge Rodríguez Álvarez e Carlos Palacios, e que contou tamén coa participación da arquitecta Patricia Muñíz, a xeógrafa María José Piñeira e a actriz e produtora Mabel Rivera. Finalmente, a artista local Aldara García López puxo a nota final cunha interpretación musical.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page