Laura Moure

20 de ene de 20233 min.

O Concello de Arzúa repartirá un total de 2.120 euros en premios no seu concurso de disfraces

Este terá lugar o domingo 12 de febreiro no Multiusos Terra do Queixo e haberá catro modalidades

Laura Moure/Arzúa

Con motivo do Entroido 2023 o Concello de Arzúa organiza un concurso o domingo 12 de febreiro ás 17:00h no Multiusos Terra do Queixo de Arzúa. Para fomentar a participación convócase un ano máis o tradicional concurso de disfraces que repartirá euros en premios. Haberá distintas categorías.

Para participar é obrigatorio inscribirse previamente no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa ou chamando ao 981500222 desde o día seguinte ao da publicación no BOP do extracto da convocatoria ata o xoves 9 de febreiro, en horario de 8:30 a 14:00h.Tamén se pode presentar solicitude de participación pola Sede Electrónica, mediante modelo de instancia xeral.


 
No momento da inscrición deberase indicar o número de compoñentes e o lema ou nome do disfraz para a identificación.

A inscrición efectuada por persoas físicas (sen ser en representación dunha persoa xurídica), para participar en grupo ou comparsa, determinará a asunción pola dita persoa de todas as obrigas que derivan da obtención dos premios, incluídas as de índole fiscal. Ditas persoas previamente á participación asinarán declaración responsable ao respecto, presentarán documentación acreditativa da personalidade, cumprimento de requisitos para ser beneficiario dos premios, así como certificado de conta bancaria na que efectuar o ingreso, de corresponder.

Catro categorías

Haberá catro categorías:
 
Comparsa: conxunto de persoas formado por un mínimo de nove compoñentes representando un mesmo motivo.
 
Grupo: conxunto de persoas de entre dous e oito compoñentes representando un mesmo motivo.
 
Individual infantil: nesta modalidade poderán participar nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 17 anos.
 
Individual adulto: nesta modalidade poderán participar persoas de 18 anos en diante.
 
A mesma persoa non poderá participar en máis dunha categoría.

Os premios establecidos polo Departamento de Cultura son:

Comparsas
 
1º: 550 €
 
2º: 300 €
 
3º: 150 €

Grupos
 
1º: 300 €
 
2º: 200 €
 
3º: 120 €

Individual Infantil
 
1º: 120 €
 
2º: 80 €

Individual Adulto
 
1º: 120 €
 
2º: 80 €

O xurado tamén concederá un premio simpatía de 100 euros a un grupo ou comparsa do municipio que non acadara ningún dos premios anteriores e que sume a maior puntuación no apartado “simpatía” da valoración do xurado.

Valoracións

A cualificación das distintas modalidades será determinada polo xurado do concurso que estará composto por catro representantes nomeados polo Departamento de Cultura do Concello de Arzúa. Durante o desenvolvemento do concurso, o xurado valorará:

Comparsas e Grupos:

– Vestiario e maquillaxe 0 a 4 puntos
 
– Traballo feito a man 0 a 2 puntos
 
– Emprego de materiais de refugallo 0 a 2 puntos
 
– Orixinalidade 0 a 3 puntos
 
– Coreografía e música 0 a 3 puntos
 
– Organización e efecto do conxunto 0 a 3 puntos
 
– Simpatía (interacción co público) 0 a 5 puntos

Disfraces Individuais (infantís e adultos):
 
– Orixinalidade do vestiario 0 a 4 puntos
 
– Traballo feito a man 0 a 2 puntos
 
– Emprego de materiais de refugallo 0 a 2 puntos
 
– Maquillaxe 0 a 2 puntos
 
– Simpatía (interacción co público) 0 a 5 puntos


 
Os participantes deberán presentarse no Multiusos Terra do Queixo como mínimo media hora antes do inicio pasando pola mesa de control xunta o escenario para recibir a orde de actuacións. A participación desenvolverase sobre escenario (co público sentado) cun tempo máximo de 5 minutos. As medidas do escenario serán de 8 metros de fondo x 15 metros de ancho con rampa de acceso de 2,5 metros de ancho.

Os participantes que precisen de música específica para a actuación deberana enviar por correo electrónico en formato .mp3 a cultura@concellodearzua.com ou indicar o título da canción e o nome do grupo/artista antes de que remate o prazo de inscricións. Os premios serán aboados mediante transferencia bancaria e a entrega simbólica dos mesmos terá lugar o mesmo día de celebración do concurso, unha vez feita a avaliación polo xurado.

A orde de actuación será coincidindo coa orde de inscrición nas diferentes modalidades (individual infantil, individual adulto, grupos e comparsas). A participación no concurso supón a aceptación destas bases, sendo a decisión do xurado inapelable. Os presentes premios serán outorgados con cargo á partida orzamentaria 334.480.02 do vixente orzamento na data do concurso, ata o límite de 2.120 euros. Os premios levarán consigo a retención en concepto de IRPF, que resulte da aplicación segundo as normas contidas na normativa reguladora do imposto.

Os interesados poden consultar as bases no seguinte enlace:

https://arzua.gal/wp-content/uploads/2023/01/BASES-CONCURSO-DE-DISFRACES-ENTROIDO-2023-Concello-de-Arzua-GAL.pdf

    2