Éxito de público na segunda edición dos Seráns en Ribadiso
Laura Moure/Arzúa
O Concello de Arzúa pecha os Seráns en Ribadiso tras a actuación de Xan Veiga, que pon o ramo a un ciclo de lecer alternativo xa consolidado no verán de Arzúa. Durante a tempada estival, a Área Recreativa de Ribadiso programou cinco actuacións pensadas para toda a familia e tamén para público adulto, combinando humor, música, circo e maxia nun espazo simbólico e referencial para a veciñanza. Ao longo desta edición pasaron por Ribadiso: Leti da Taberna (“Enredada”), Peter Punk (“Peor imposible”), Cé Orquestra Pantasma (“A voar”), Unto Vello (en concerto) e Xan Veiga (“Sonchistorias”).

"O balance desta edición é moi positivo, tanto pola participación interxeracional como pola calidade artística das compañías, que consolidan Ribadiso como punto de encontro da veciñanza no verán. Cada semana xuntouse numeroso público na Área Recreativa de Ribadiso para gozar das propostas e pasar un bo rato en boa compañía", apuntan dende o Concello.
“A recuperación do chiringuito foi o primeiro paso para devolverlle todo o seu esplendor á Área Recreativa de Ribadiso. Completámolo cos ciclos dos Seráns en Ribadiso, concebidos para devolver vida a un espazo que durante anos foi referencial para a nosa xente. Sabemos que queda moito por facer: a recuperación da área de baño é unha prioridade que require un investimento por riba das posibilidades municipais; e por iso seguimos traballando para implicar outras administracións e facer realidade este proxecto”, sinala Xoán Xesus Carril, alcalde de Arzúa.
Publicidade
O Concello de Arzúa agradece a asistencia e a implicación da veciñanza e despídese ata o verán que vén, cando volverá unha nova edición dos Seráns en Ribadiso con propostas diversas e para todos os públicos, mantendo o compromiso cunha programación próxima, accesíbel e de calidade.








Comentarios