Ábrese á venda os billetes de autobús cos que se reforza o transporte público o día da eclipse
- Laura Moure

- hace 1 día
- 3 min de lectura
Na web eclipse.xunta.gal a Xunta ofrece información actualizada e recomendacións sobre este fenómeno
Laura Moure/Xeral
As empresas concesionarias Monbus e Arriva teñen xa dispoñibles nas súas respectivas páxinas web os billetes dos servizos especiais de autobús cos que a Xunta reforza o transporte público por estrada no Eixo Atlántico, en Lugo e na Mariña con motivo da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto.

Este dispositivo facilitará os desprazamentos cara ás zonas con mellores condicións para a observación da eclipse, ofrecerá unha alternativa ao vehículo privado e contribuirá a reducir a presión sobre a rede viaria nunha xornada na que se prevé unha elevada afluencia de persoas.
PUBLICIDADE
No Eixo Atlántico habilítanse conexións especiais desde a estación intermodal de Vigo cara ás estacións de autobuses da Coruña e Ferrol. Na ruta Vigo-Ferrol incorpórase un servizo especial con saída ás 12:35 horas e chegada prevista ás 15:30 horas, con paradas nas estacións de autobuses de Pontevedra e Santiago de Compostela, en Pontedeume, Fene e, xa en Ferrol, na avenida das Pías e no barrio do Pilar. Este servizo súmase ás conexións regulares con saída desde Vigo ás 7:35, 12:45 e 14:45 horas, que tamén permiten chegar antes do comezo da eclipse.
Na ruta Vigo-A Coruña habilítase un servizo especial con saída ás 14:00 horas, con paradas na estación de autobuses de Pontevedra, na estación intermodal de Santiago de Compostela e na avenida de Alfonso Molina da Coruña. Ademais, mantéñense os servizos regulares con saídas ás 6:30, 8:45, 9:35, 10:45, 14:00 e 15:35 horas, que tamén permiten chegar ao destino antes do inicio do fenómeno.
PUBLICIDADE
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Nos dous itinerarios habilítase un servizo especial de regreso ás 23:00 horas, unha vez rematada a observación da eclipse.
Na provincia de Lugo incorpórase unha nova saída ás 17:00 horas na liña Lugo-Meira-Ribadeo, que se suma ás conexións habituais das 13:30 e das 15:30 horas. O traxecto realizará as paradas habituais en Castro de Rei, Pol, A Pastoriza, Meira, Riotorto, A Pontenova, San Tirso de Abres, Trabada e Vegadeo. O regreso desde Ribadeo efectuarase ás 22:30 horas.
PUBLICIDADE
Dentro da Mariña lucense tamén se reforza a conexión entre Ribadeo e as praias de Foz cunha nova saída ás 18:00 horas, que complementa os servizos regulares das 9:30, 12:30, 13:45, 16:00 e 19:00 horas. Os servizos especiais de regreso están programados ás 21:30 e 22:00 horas.
Os billetes poden adquirirse xa nas páxinas web de Monbus e Arriva. Ademais, o propio día da eclipse tamén será posible mercalos nas estacións de autobuses —ata dúas horas antes da saída no caso dos servizos do Eixo Atlántico— e nos propios vehículos nas liñas de Lugo e da Mariña, en ambos os dous casos ata completar a capacidade dispoñible. As persoas usuarias poderán empregar a Tarxeta de Mobilidade de Galicia para beneficiarse das bonificacións da Xunta, incluídas as viaxes gratuítas para menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova e para maiores de 65 anos coa tarifa +65.
PUBLICIDADE
Información de interese
Cómpre lembrar que a Xunta activou a finais de abril unha web específica sobre a eclipse que funciona como unha xanela única a través da que a Xunta vai ofrecendo á cidadanía información sobre a eclipse. O espazo, aloxado na web corporativa da Xunta de Galicia, permite acceder a un mapa interactivo de Galicia no que se poden consultar os datos referidos á eclipse en cada concello de Galicia, hora de inicio e de finalización, predición meteorolóxica con información de MeteoGalicia, etc.
PUBLICIDADE
Ademais, ofrece consellos prácticos orientados á observación da eclipse en materia de saúde, seguridade, mobilidade ou protección do medio ambiente e dos espazos naturais protexidos.











Comentarios