top of page

Ábrese o prazo para pedir as axudas a entidades culturais, deportivas e veciñas de Silleda

O prazo para presentar as propostas remata o vindeiro 17 de xullo


Laura Moure/Silleda

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publicou este mércores a convocatoria das axudas a entidades culturais, deportivas e veciñais ou de participación social para este ano 2021. As bases destas tres convocatorias foron publicadas o pasado 16 de abril e tamén na Base Nacional de Datos de Subvencións. Como novidade, este ano introducese a posibilidade de poder optar a axudas para material, á vista de que a pandemia non permitiu realizar algunhas das actividades previstas. Cada colectivo, ao igual que en anos anteriores, só poderá optar a unha das tres convocatorias. Así mesmo, tal e como marca a normativa, as solicitudes deben de facerse por sede electrónica. O prazo para presentar as propostas remata o vindeiro 17 de xullo.


As tres liñas de subvencións, con cadansúas bases, teñen como principal novidade e con carácter excepcional a posibilidade de optar ás axudas para a compra de material tanxible ou equipamentos, dado que a situación sociosanitaria actual mermará moitas. Deste xeito, dende o Concello continuaráse apoiando a todos os colectivos e clubs, incluso os que non puideran realizar por mor da pandemia as súas actividades habituais no último ano.


A cotía a repartir tamén se mantén respecto a outros anos, ca salvedade de que nas subvencións para actividades culturais, tal e como se recolleu no orzamento de 2021, as dúas bandas de música do municipio –polas súas especiais características de funcionamento- recibirán cadansúa subvención con carácter nominativo: 20.000 euros para a Banda de Música Municipal de Silleda e 15.000 euros para a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.


Deste xeito, por concorrencia competitiva no caso das culturais serán 23.000 euros (58.000 euros en total tendo en conta as dúas nominativas) . Nas axudas a colectivos veciñais e de participación social repartiránse outros 5.100 euros , igual que nos últimos anos, e tamén se mantén a contía de 35.000 euros para os clubs deportivos.


Creación de emprego

Tamén no mesmo BOP se publica a convocatoria das axudas ao abeiro do Plan Municipal de Creación de Emprego. Neste caso a convocatoria está aberta durante todo o ano.

O Concello de Silleda volve a apostar polo apoio ás persoas emprendedoras, ca continuidade do Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego, que dende o ano 2015 axudou á posta en marcha de 40 proxectos empresariais.


Se ben as condicións son similiares ás de convocatorias anteriores (podendo solicitar estas axudas aquelas persoas que estén en situación de desemprego e queiran emprender proxectos pola súa conta), as contías aumentan respecto a anos anteriores. Así, a axuda por apertura de local comercial pasa de 300 a 600 euros, e a Alta no Réxime de Cotización de Autónomos de 600 a 900 euros.


Así, modifícase o importe máximo da axuda, que pasa de 3.600 a 4.200 euros. Ademais, trátase dun programa programa no que se valora a maiores a perspectiva de xénero, con discriminación positiva no apartado referido á contratación de persoal. O Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego iniciouse no 2015 como unha das grandes apostas do goberno municipal de Silleda para fomentar a creación de emprego. “Calquera silledense que esté en situación de desemprego e queira emprender un negocio en Silleda conta con estas axudas a fondo perdido, sempre que cumpla as condicións establecidas nas bases”, lembra a concelleira Pili Peón. “Agardamos un respaldo unánime para aprobar estas bases, que consensuamos no seu día todos os grupos da Corporación, e este ano propóñense con novas melloras”, indica a concelleira.


As axudas outorgadas poden consultarse na páxina web municipal (www.silleda.gal) ao igual que as bases, que foron publicadas tamén o pasado 16 de abril.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page