Xornada informativa sobre a nova Política Agraria Común (PAC) en Vila de Cruces
Estivo presidida polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e tamén abordou outras achegas de relevancia para o sector primario
Laura Moure/Vila de Cruces
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu este martes en Vila de Cruces unha xornada informativa sobre a nova Política Agraria Común (PAC) 2023-2027 e sobre outras achegas de relevancia para o sector primario. Nesa liña, destacou a importancia deste tipo de subvencións para contribuír ao futuro do agro galego.

Na súa intervención, o director xeral recordou que a Xunta volveu convocar este ano as
axudas que permitiron adiantar no verán aos agricultores e gandeiros galegos uns 200
millóns de euros das achegas da PAC, subvencionando os xuros por un importe de 3,4
millóns. Unhas achegas que, segundo recordou, se adoitan cobrar no outono e que
permiten reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que potencian os
agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio
ambiente.
De cara ao próximo período, José Balseiros recordou que o Fondo Galego de Garantía
Agraria (Fogga) vén de lanzar un apartado dentro da súa páxina web dedicado á PAC
2023-2027. Nel, os usuarios atoparán información útil tanto dos procedementos de cada
unha das axudas como das súas novidades. Así mesmo, o apartado web inclúe no
apartado SIXPAC e Monitoraxe un resumo por usos de todas as parcelas de Galicia, un
enlace ao visor SIXPAC e información xeral sobre os controis de campo que realiza o
Fogga. Por último, o portal ofrece un mapa interactivo de Galicia por concellos que permite
consultar os importes das axudas das últimas campañas, das superficies por usos do
terreo e da produción de leite.
O director xeral aproveitou para referirse a outras axudas de relevancia para o sector como
as destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por
parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións, que
contaron cun orzamento global de 37,5 millóns de euros este ano. Segundo salientou, con
estas subvencións búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e
avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus
factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo,
procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do
emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar
poboación no rural.








Comentarios