top of page

Xornada formativa sobre acollemento familiar en Silleda o vindeiro 29 de outubro

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Será impartida por personal técnico do colectivo Acougo, co que o Concello está a colaborar para difundir esta medida entre a poboación


Laura Moure/Silleda

O vindeiro venres 29 de outubro terá lugar en Silleda unha sesión formativa para profesionais e persoas interesadas sobre Acollemento familiar e protección de menores. Esta xornada de formación celebrarase no Centro Social de Silleda, en horario de 10:00 a 14:00 horas, organizada polo Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Benestar, no marco da colaboración que se está a manter co colectivo Acougo.


A participación é gratuíta, se ben se require inscición previa a través do teléfono 986 592 037 ou no enderezo electrónico educadora.social@silleda.es As prazas son ademais limitadas. Esta sesión será impartida por personal técnico da Asociación Galega de Familias de Acollida (ACOUGO), a través do convenio co Concello de Silleda para o fomento do réxime de acollemento familiar.

O obxectivo é fomentar, informar e difundir os programas de acollemento familiar, a través da iniciativa que leva por título “Contigo florece, xerando cultura do acollemento”. Dende o Concello de Silleda xa hai un compromiso para visibilizar estas medidas, e favorecer –na medida do posible- mediante unha discriminación positiva, ás familias que queiran acoller menores.


Outra das posibilidades que se abren é a de contar cun rexistro municipal de familias acolledoras en Silleda, así como a formación daquelas que opten por sumarse á iniciativa e do personal do departamento municipal.


A Asociación Galega de Familias de Acollida, ACOUGO, formouse a partir das necesidades dun grupo de familias que optaron por involucrarse en maior medida na defensa dos dereitos das persoas menores de idade que están no sistema de protección público. Por isto acordaron asociarse en 2019 e así establecer un marco organizado e formal para colaborar e apoiar a Administración e a outras entidades integrantes no sistema formal que traballa en prol dos menores.


O acollemento familiar é unha medida de protección que se aplica a aqueles nenos, nenas e adolescentes que, por distintas circunstancias, foron separados das súas familias biolóxicas durante un tempo, o non poder ser coidados por elas axeitadamente. O obxectivo do programa Contigo Florece é achegar á sociedade a realidade das nenas, nenos e adolescentes en situación de desprotección e, a partir de ahí, tratar cas familias acolledoras ou potencialmente acolledoras para ofrecer a preparación, orientación, o acompañamento e o apoio para dotalas de competencias no manexo das dificultades e

necesidades específicas dos menores acollidos.


“Consideramos que o acollemento familiar é unha ferramenta moi útil para o benestar das persoas menores que están no sistema de protección público. O noso compromiso é colaborar con esta entidade e difundir entre a poboación o programa”, indica a concelleira Ángela Troitiño.

0 comentarios

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page