top of page

Xabier Díaz & Adulfeiras de Salitre actuarán na XVI Foliada de Melide que se celebrará en abril

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Será o 29 e 30 e haberá Cantos de Taberna, obradoiros, animación de rúas e o ritmo poñeráo grupos e músicos de toda a terra de Melide e doutros puntos de Galicia


Laura Moure/Melide

A concelleira de Cultura de Melide, Mayka Basalo, presentou esta mañá o cartel da XVI edición da Foliada de Melide, a segunda organizada dende o Concello. Fíxoo acompañada dun dos artistas destacados do programa deste ano, o músico e estudoso da música tradicional galega Xabier Díaz.

A edición de 2023 da Foliada volve programar dous días de celebración e festa arredor da cultura tradicional con grupos destacados e actividades complementarias. Un ano máis, unha das citas que non poden faltar son os Cantos de Taberna, que acadan así a súa duodécima edición. Celebraranse dende as 12 da mañá do sábado 29 na zona dos viños, levando o canto polo corazón da zona histórica da vila.


O Serán do sábado correrá a cargo de Xisco Feijoo, quen achegará a súa particular visión da música tradicional cun toque de modernidade. Tamén participarán, como cada ano, grupos e músicos de toda a terra de Melide e doutros puntos de Galicia.


O domingo 30, a sesión vermú correrá a cargo de Acordeireta, o dúo de acordeón e pandeireta conformado por Patricia González e Alejandro Balbuena. Posteriormente, a actuación infantil corresponderalle a Mamá Cabra e Bellón Maceiras. Ademais, presentarase o libro Concha de Luneda de Xerardo Santomé e actuará a Banda de Gaitas Queiroa.

Preme na imaxe para acceder á web desta empresa.

A gran actuación deste ano, logo do éxito das Tanxugueiras en 2022, será a de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, as once mulleres que con percusión e voces acompañan ao veterano músico dende hai xa oito anos. Un espectáculo que congregará un ano máis a centos de afeccionados á música tradicional, convertendo Melide en capital do xénero.

Un ano máis, a Foliada compleméntase con mostras de artesanía e animación de rúa dende o sábado. Haberá igualmente un obradoiro de baile para adultos e outro infantil.

A concelleira de Cultura, Mayka Basalo, afirmou durante a presentación do cartel que esta edición da Foliada “promete ser moi especial” e congregará “moitos foliadeiros e foliadeiras”. Agradeceu a presenza de Xabier Díaz, quen non podería ser “mellor abandeirado desta nova edición”, por tratarse dunha persoa que levou a música tradicional “a un nivel tan alto” e que levou por todas partes a música e a lingua de Galicia.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

A edil tamén fixo referencia ao labor histórico da Asociación O Castelo organizadores da Foliada a Foliada dende o ano 2005 ata o 2018, amosando a súa satisfacción por contar en Melide con asociacións así que “traballan a prol da nosa cultura e da nosa tradición”.

Basalo rematou a súa presentación chamando á participación na XVI Foliada de Melide e agradecendo o labor das persoas que fan posible a gran festa melidá de cultura tradicional, unha das máis destacas de Galicia.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

ILUMINADOS

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page