top of page

Xa están á venda os bonos para as piscinas municipais de Silleda, que abren este venres 1

Para os cursos de natación hai que inscribirse o propio día da apertura dos recintos de Silleda e da Bandeira nas piscinas, co personal de salvamento


Laura Moure/Silleda

As piscinas municipais de Silleda, con dous recintos en Silleda e na Bandeira, abrirán ao público o vindeiro venres día 1. O mesmo día da apertura poderán tamén realizarse as inscricións para os cursos de natación cos propio personal de socorrismo. O horario dos cursos será como nos últimos anos pola mañá dende ás 12:00 horas e establecerase en función do número de quendas necesarias para a realización dos mesmos. Ao igual que o ano pasado, tamén se ofrecerán cursos de ximnasia na auga para persoas adultas.

Os cursos de natación para nenos e nenas (a partir de cinco anos), serán os luns, mércores e venres de 12:00 a 14:15 horas. Para os maiores, os martes e xoves tamén no mesmo horario.


Horario de apertura

As piscinas abrirán ao público a partir das 14:30 e ata as 21:00 horas, de luns a venres. Os sábados, domingos e xornadas festivas, o horario será de 15:00 a 21:00 horas. O custe da entrada ao recinto será de 1 euro por día, tal e como recolle a ordenanza de instalacións deportivas aprobada en 2011, e abonarase nas propias instalacións.


Tamén están xa á venda no Concello (nas dependencias do Rexistro Xeral, na pranta baixa), os bonos para toda a tempada. O prezo será, para os residentes no municipio, de 20 euros, e de 16 euros para nenos ata os 16 anos. Para os non residentes, os bonos de adulto custan 35 euros e os de nenos 25 euros.

Así mesmo, as persoas que estean empadroadas no municipio de Silleda poderán mercar bonos familiares. Para os dous cónxuxes custarán 20 euros; se se inclúe un fillo este pagará 16 euros; se son dous fillos, 8 euros, e a partir do terceiro fillo, este último non pagará. Unha vez realizado o pago no banco, as persoas recibirán os bonos no Rexistro.


En canto aos cursos de natación, os prezos tamén son máis vantaxosos para as persoas abonadas. Así, os menores abonados pagarán 3 euros por mes; os non abonados 20 euros. Os cursos para adultos custan 9 euros (para abonados) e 20 euros no caso de persoas non abonadas.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page