top of page

Xa ascenden a 565 as incidencias provocadas pola borrasca Kirk en Galicia

En Silleda unha árbore caeu sobre o tellado do albergue de Silleda


Ecos da Comarca/Xeral

Desde onte e ata as 11 horas de hoxe, mércores, o número de incidencias relacionadas co episodio de vento e chuvia intensa ascende a 565. Ademais, dentro do Plan de seguimento e control dos caudais dos ríos (Plan Inungal), prestamos especial atención os seguintes cursos por presentaren niveis elevados e incrementarse as posibilidades de desbordamento. Estes ríos son: na provincia da Coruña, Tambre, Mandeo, Mendo e Dubra, en Pontevedra, Verdugo, Lérez e Tea, e, en Lugo, Landro, Ladra, Masma e Ouro.


Debido a esta situación, debemos reducir o paso e a presenza tanto de persoas coma de vehículos á beira destes cursos, así como abandonar calquera actividade fluvial que poida comprometer a nosa seguridade.

Igualmente, temos que seguir atentos ás estradas, xa que, e malia que as condicións climáticas irán mellorando nas vindeiras horas, poden seguir producíndose caída de árbores, desprendementos de terra, pedras e elementos de tellados, edificios e estruturas.


Neste sentido, cómpre destacar o aumento das incidencias contabilizadas no 112 Galicia en relación coa borrasca Kirk, que xa ascende a 565.


Coa xornada de hoxe, sumamos dous días de intensa actividade no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, porque, xa na tarde de onte, os efectos do episodio de vento e chuvias intensas comezouse a sentir. 

Árbore caída en Melide.

Como xa foi ata este momento, os maiores problemas céntranse nas vías de circulación debido á cantidade de árbores, pólas e outros obxectos que caen sobre as estradas. En total, contáronse 355 incidendias por ábores e pólas, 44 por obxectos que se desprazaron ás vías, 34 pola caída de cables e postes de luz e teléfono, 44 accións preventivas dos equipos de emerxencias para evitar máis riscos, como retirada de vexetación e obxectos inestables, 12 por desprendementos de terra e pedras, 13 por caída de carteis e sinais de tráfico e 12 por desprendementos de tellados e fachadas, entre outras máis. 


Das incidencias xestionadas polo 112 Galicia, destacamos o derrubamento da parede dun pavillón deportivo dun centro educativo de Porto do Son, o desprendemento do falso teito da entrada doutro colexio en Monforte e a caída dunha árbore que impedía o acceso a outro centro de Redondela. Por fortuna, ningún destes incidentes ocasionaron danos persoais.


Ademais, debemos citar outras situacións como a caída da cuberta do conservatorio de música de Santiago de Compostela e o despredemento de partes dun edificio na Rúa Preguntoiro, tamén na mesma cidade. Algo semellante ocorreu en Vilagarcía de Arousa ou en Vigo, onde houbo despredementos de elementos de cubertas e revestementos. 


Tamén en Cerdedo-Cotobade e en Mos, senllas persoas que ía circulando co seu vehículo foron sorprendidas por senllas árbores que se lles viñeron enriba. Tampouco nestes casos houbo danos persoais.


Do mesmo xeito, o 112 Galicia rexistrou chamadas de persoas que informaban da caída de árbores ou restos de edificios sobre vehículos parados ou sobre a vía do tren. Ocorreu en Santiago de Compostela (Rúa Ordes), Padrón (Iria Flavia), O Barco de Valdeorras, Redondela e Tui. En Lousame, concretamente na C.G 1.5 (San Xusto), un desprendemento de terra e pedras invadiu os tres carrís en sentido Noia. En Silleda, unha árbore caeu sobre o tellada do Albergue de Dornelas e, en Padrón, a subida e desbordamento do río impedía a saída aos hóspedes dunha casa de turismo rural.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

En definitiva, 565 incidencias que se repartiron da seguinte maneira:

  • Por provincias, en Pontevedra contabilizamos 304 incidencias, na Coruña, 162, en Ourense, 50 e, en Lugo, 42.

  • Por concellos, dentro da provincia de Pontevedra, destacamos Vigo (53), A Estrada (23), Pontevedra (23), Nigrán (18), Ponteareas (13), Marín (12), Mos (12), Vilagarcía (12), O Porriño (11). Na Coruña, Santiago de Compostela (20), Padrón (11), Teo (7), Rois (6), Boiro (4), Ribeira, (4), Rianxo (4). En Ourense, Celanova (6), O Bolo (4). En Lugo, cidade de Lugo (4), Guitiriz (4). 

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page