Volve o programa de excursións 'Coñece o teu país' co que o Concello de Arzúa ofrece catro saídas
- Laura Moure
- hace 2 minutos
- 2 Min. de lectura
Betanzos, Ribadeo, Catoira e a cidade de Ourense son os destinos elexidos nesta edición na que se ofrecen 440 prazas de balde
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza unha nova edición do programa de excursións Coñece o teu país. A iniciativa regresa con catro novas visitas a diferentes lugares da xeografía galega ao longo dos meses estivais, de xuño a setembro, de maneira totalmente gratuíta.

A primeira delas será o vindeiro sábado día 28 de xuño á provincia da Coruña. A viaxe será á localidade de Betanzos na que se realizará unha visita guiada á zona histórica da vila e ao próximo Pazo de Mariñán cuxas orixes se sitúan a mediados do século XV. O Pazo e os seus xardíns son conxunto histórico-artístico e monumental dende o ano 1972. A Deputación da Coruña promoveu as obras de reconstrución e ampliación e na actualidade ten tres usos: actos institucionais, centro de cursos e museo do propio Pazo, reunindo boa parte da colección artística da Deputación.
Publicidade
A segunda excursión correspondente á provincia de Lugo que se celebra en xullo, será o día 26. Nesta ocasión o destino elexido será o municipio de Ribadeo. As dúas restantes serán o sábado 30 de agosto a Catoira e, xa para rematar por este ano, realizarase unha saída á cidade de Ourense o sábado 27 de setembro.
Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deberán inscribirse na Oficina de Cultura e Deportes, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.
Publicidade
Todas aquelas persoas que desexen apuntarse á primeira viaxe organizada para o vindeiro 28 de xuño a Betanzos, poden facelo completamente de balde a partir deste venres, 20 de xuño, entre as 8:30 e as 14:00 horas na Oficina de Cultura e Deportes situada no edificio sociocultural María Mariño, na rúa Padre Pardo nº 33, no 1º andar (ao carón de Radio Arzúa).
Comments