Volta a Silleda o programa de atención ás crianzas 'Espazos das familias, preescolar na casa”
- Laura Moure
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
A Asociación Antonio Gandoy, en colaboración co Concello de Silleda, volve poñer en marcha esta iniciativa
Laura Moure/Silleda
A Asociación Antonio Gandoy, en colaboración co Concello de Silleda, volve poñer en marcha este mes de setembro Espazos das familias, preescolar na casa, unha iniciativa dirixida a pais, nais e titores de nenos e nenas de entre 0 e 4 anos. Este programa busca converterse nun espazo de formación, apoio e orientación para as familias no proceso de
crianza, facilitando ferramentas para mellorar tanto a xestión emocional como o desenvolvemento educativo dos máis pequenos.
A través de charlas impartidas por profesionais en pedagoxía e xestión emocional, as familias participantes poderán adquirir coñecementos e habilidades que lles axuden a enfrontarse aos retos diarios da crianza, dende a educación emocional ata o acompañamento no crecemento persoal dos nenos.

O programa ofrecerá un enfoque práctico e de lecer, onde as familias poderán compartir as súas experiencias e resolver dúbidas. A primeira sesión terá lugar o martes 23 de setembro ás 17:00 horas no Centro Social de Silleda, onde se abordarán temas relacionados coa primeira infancia e o desenvolvemento emocional dos nenos. Os encontros semanais de familias con crianzas ata 4 anos serán os martes ás 17:00 horas.
Esta actividade está aberta a todas as familias do municipio que desexen participar, e contará cunha serie de sesións ao longo do curso académico. As persoas interesadas en participar poden obter máis información e realizar a súa inscrición a través do correo electrónico antoniogandoyeducacion@gmail.com ou chamando ao teléfono 629 91289.
Publicidade
A concelleira de Benestar e Educación, Ángela Troitiño, agradece á entidade que siga apostando por Silleda e anima ás familias “ a participar nun programa que é todo un referente na educación nun entorno rural”.
Comentarios