Vinte finalistas aspiran aos Premios Youtubeiras+ 2024, entre elas unha de Melide e outra de Monterroso
- Laura Moure

- 17 ene 2025
- 3 Min. de lectura
O palmarés coñecerase na gala final, que se vai celebrar o 1 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón, conducida por Meiga-i e con música do grupo De Ninghures
Laura Moure/Xeral
Os Premios Youtubeiras+ anunciaron onte en Narón as canles e persoas finalistas do certame, que, na súa oitava edición e co lema 'Fachenda ao cadrado', abriu a participación aos contidos difundidos na plataforma TikTok. Son vinte as propostas aspirantes a levar o galardón nalgunha das sete categorías do concurso, cuxo palmarés coñecerase na gala final que se vai celebrar o 1 de febreiro, ás 19 horas, no Pazo da Cultura de Narón, conducida por Meiga-i e con música do grupo De Ninghures.
Na rolda de prensa de presentación participaron a titular de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e Meiga-i.
89 canles —49 de YouTube e 40 de TikTok— presentáronse este ano aos premios dun proxecto que aposta por fomentar a creación de contidos dixitais en galego e promover e darlles visibilidade aos diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede. A iniciativa ten o apoio dos servizos de normalización lingüística da Deputación da Coruña, dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, e das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

"Estes premios", sinalou Sol Agra na súa intervención, "caracterizáronse sempre pola colaboración institucional e a implicación de diferentes entidades locais a través dos seus servizos de normalización lingüística, así coma das tres universidades". "Cremos", engadiu, "que a unión, a colaboración e a forza común ao redor da lingua son o camiño que cómpre seguirmos para acadar a normalización".
Narón únese ao proxecto Youtubeiras+ e faino, segundo Marián Ferreiro, "da mellor forma posible, acollendo a gala de entrega de premios, para amosar o noso compromiso coa lingua nun ámbito, o das redes sociais e a creación de contidos en Internet, que consideramos fundamental para o presente e para o futuro de calquera idioma". "A creación de contidos en galego en plataformas como YouTube e TikTok constitúe unha vía imprescindible para a difusión do galego entre as novas xeracións".
Meiga-i encargouse de descubrir algúns detalles da gala, na que actuará o grupo De Ninghures. "Non será un musical, pero terá moita música; tampouco será un cabaré, pero teremos moito de cabaré nunha noite con dous grandes leitmotivs: o primeiro, o propio lema desta edición, 'Fachenda ao cadrado'; e o segundo, a historia de Internet". "Youtubeiras+", dixo, "xa ten oito anos, xa ten unha historia e percorreremos a historia de Internet ao longo de toda a gala a través de homenaxes aos formatos nativos da Rede".
Premios
Youtubeiras+ rexistrou este ano a inscrición de 89 canles —polos 68 da edición anterior—, ue emitiron vídeos que suman 19.720 minutos de contidos dixitais en galego". O certame repartirá 7.500 euros en premios entre as sete categorías a concurso: 1.250 euros para cada unha das propostas gañadoras de YouTube e de TikTok, e 1.000 euros para as que acaden os galardóns de Creación de Contidos, Revelación, Calidade Lingüística e Rede, ademais do Premio do Público, para o que votaron 5.056 persoas a través da web de Youtubeiras, www.youtubeiras.gal.
Finalistas
CANLE DE YOUTUBE
Exécito Mekemeke (Ames)
IagoRAW (Lugo)
O Faiado Podcast (Santiago de Compostela)
CANLE DE TIKTOK
Sara Seco Rial (Santiago de Compostela)
pradorua (Ourense)
Konachadas (Ames)
CREACIÓN DE CONTIDOS
Rodri Míguez (Bueu)
Prado Rúa (Ourense)
Anxo Sánchez (Lugo)
REVELACIÓN
Arquivo Anab (Xinzo de Limia)
Carlota Casal Ramos (Melide)
Galiactiva (Ourense)
Publicidade
CALIDADE LINGÜÍSTICA
A Debate no Eirado (Santiago de Compostela)
Galego para Peques (Monterroso)
Luís do Río (Santiago de Compostela)
REDE
OU ké! (Ourense)
Pablo Rodríguez Vila (Lugo)
Rebelico (Vigo)
PREMIO DO PÚBLICO
A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego (Vigo)
Non máis bágoas, de Xurxo Varela (Chantada)
Queimas controladas, de Savia Nova (Pontevedra)
O xurado dos Youtubeiras+ 2024 formárono Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023.A asistencia á gala é de balde e as entradas pódense reservar na billeteira do Pazo da Cultura de Narón, no teléfono 981 102 897 —de luns a sábado, de 9:30 a 14 horas e de 17:30 a 20:30— ou no correo electrónico taquilla.pazo@naron.gal.







Comentarios