Vila de Cruces suspende a degustación da XXI Feira de Nadal do Galo de Curral do mércores 22
Ese día actuará Gisela, unha das primeiras participantes de Operación Triunfo e a actual Voz Disney en España
Laura Moure/Vila de Cruces
"Cando estaba todo preparado, mesmo xa se enviaron a outras institucións e representantes dos Concellos lindeiros as invitacións para a Feira de Nadal do Galo de Curral, as últimas indicacións que están a chegar da Xunta de Galicia e a responsabilidade do goberno de Vila de Cruces fixo que se teña que tomar a decisión de suspender os actos de degustación que se viñan celebrando neste evento", informa o Concello de Vila de Cruces.
O tenente de alcalde, Julio López, acordou co presidente dos criadores do Galo a decisión do goberno de non celebrar a famosa degustación do produto no día da Feira de Nadal do
Galo de Curral. "Unha decisión que ao presidente dos criadores, parécelle razoable mesmo ata o punto de cancelar por completo a feira", indica. Sen embargo, López propuxo que, aínda que non se poida celebrar a degustación, si se pode acondicionar a Praza de Abastos para que todos os criadores que queiran ofertar os seus produtos poidan facelo e realizar as súas vendas como de costume, axudando así a este sector nestas datas cruciais para vender os seus produtos.

O alcalde, Luís Taboada, está totalmente de acordo coa decisión que adoptaron ao cancelar a degustación porque segundo palabras do rexedor, “o primeiro que temos que ter en conta é a saúde dos nosos veciños e veciñas e as condicións de contaxios que se están vivindo estes días non son as máis propicias para realizar este tipo de eventos. É mellor deixar de facelas agora e que se poidan gozar máis adiante”, recalca.
Entradas gratuítas
Sen embargo por outra banda, a maxia de Disney si se concentrará este mércores, 22 de decembro, ás 18:00 horas no Auditorio de Vila de Cruces, coa actuación de Gisela, unhas das primeiras participantes de Operación Triunfo e a voz de Disney en España
O tenente alcalde e responsable de Cultura do goberno, decidiu que este Nadal en Vila de Cruces comezasen coa maxia de Disney e para iso a conseguiu que a famosa cantante Gisela deleite coas súas cancións "facéndonos lembrar a maxia que nos trasladan as películas Disney".
A cantante ofrecerá o seu repertorio de cancións, nas que se atopan as famosas de Frozen: El reino del hielo, Encantada: La historia de Giselle, Peter Pan y el regreso al país de nunca jamás o La Bella y la Bestia. Por suposto, a entrada ao evento é totalmente gratuíta e con todas as garantías de seguridade que marca o protocolo Covid-19 para este tipo de eventos e neste caso todos os espectadores a partir de 12 anos terán que vir acompañados do seu certificado Covid para poder acceder ao interior.
Julio López confirma que "xa se repartiron o 80% das entradas e anima a todos os que queiran a gozar deste evento, que non dubiden en conseguir os 20% restantes, posto que unha vez cuberto o aforo xa non se poderá entrar, para conseguilas é necesario recoller a invitación fisicamente no concello".







Comentarios