Vila de Cruces reparte 250 quilos de castañas na súa feira dedicada a este froito
Laura Moure/Vila de Cruces
Vila de Cruces viviu onte unha xornada de festa e convivencia coa celebración da tradicional Feira da Castaña, que xa celebrou a súa trixésimo cuarta edición, e que reuniu numerosos veciños e veciñas nun ambiente extraordinario de participación e confraternidade.

A cita contou tamén coa participación dos máis pequenos. Antes da xuntanza dos adultos, nenos e nenas do colexio da Piedade tiveron o seu propio espazo nesta celebración, que busca manter viva unha tradición moi arraigada nesta época do ano.
PUBLICIDADE
A programación continuará nos próximos días con magostos que o Concello promoverá noutros centros educativos, así como na Residencia dos Maiores e no Centro de Saúde, co obxectivo de achegar esta tradición a diferentes colectivos da localidade.
PUBLICIDADE
Durante a xuntanza asáronse arredor de 250 quilos de castañas, que se repartiron entre o numeroso público asistente acompañadas de viño. O propio grupo de goberno municipal, co alcalde, Luís Taboada, á cabeza, encargouse de atender e servir aos participantes.
Unha celebración que volveu converter as castañas nunha escusa perfecta para compartir mesa, conversa e momentos de convivencia entre a veciñanza de Vila de Cruces.









Comentarios