A Aedeza distinguirá o día 14 na X Xuntanza a socios como Faro de Vigo e a Residencia das Dores
Os outros sete galardóns recaeron en Engineering Rinosteel, Cornova, Tawi Momentos, Ana Blanco Centro Óptico, María Hermida Ferro, Restaurante Cabanas e Librería Raíces
Laura Moure/Deza
A Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA) celebrará o sábado 14 de novembro no Pazo de Bendoiro, a partir das 20:00 horas, a décima edición da tradicional Xuntanza Empresarial, na que entregará un total de nove galardóns, entre os que destacan o Premio Especial Aedeza ao xornal Faro de Vigo e o Premio á traxectoria empresarial á Residencia Nosa Señora das Dores.

No caso do Premio Especial, a xunta directiva acordou concederllo ao xornal decano da prensa española por cumprir, precisamente onte (o martes), 173 anos de actividade xornalística e por levar 25 anos como afiliado da Aedeza e dedicando boa parte do seu labor informativo á bisbarra. No caso da Residencia Nosa Señora das Dores, os directivos destacaron o “importante labor social que presta na atención ás persoas maiores” desde o centro de Lalín.
PUBLICIDADE
Os demais premios outorgados pola xunta directiva da Aedeza recaeron na firma lalinense Tawi Momentos, dedicada ao deseño de espazos e de mobiliario e escenografía para eventos (Premio ao fomento do galego na empresa); no comercio lalinense Ana Blanco Centro Óptico (Premio ao emprendemento); na empresa Engineering Rinosteel (Premio á internacionalización), afincada en Rodeiro e que acometeu proxectos de estruturas metálicas en 17 países; a firma silledense Cornova, dedicada ao tratamento e depuración de augas residuais (Premio á innovación); o Restaurante Cabanas de Lalín, que tamén vén de ser distinguido co Premio da Cociña Galega ao mellor cocido de Galicia (Premio da Hostalaría); Librería Raíces (Premio do Comercio), por tratarse dunha das librarías emblemáticas e senlleiras de Lalín; e María Hermida Ferro (Premio aos autónomos), como impulsora do laboratorio especializado en análises agrícolas Rock River Laboratory Spain, situado no Parque Empresarial Lalín 2000.
PUBLICIDADE
Nesta décima edición, a Xuntanza Empresarial comezará ás 20.00 horas no Pazo de Bendoiro e, ademais da entrega de premios, incluirá a tradicional cea. Todos os asociados que desexen acudir poderán retirar as invitacións na propia asociación desde hoxe e ata o vindeiro día 12 de novembro cun prezo de 50 euros por persoa.









Comentarios