Vila de Cruces non pode resignarse a perder servizos
Artigo do voceiro nacionalista, Álex Fiúza
Álex Fiúza/Vila de Cruces

Vila de Cruces non pode resignarse a perder servizos
"Hai momentos nos que unha suma de feitos deixa de ser unha casualidade e pasa a converterse nunha tendencia. E creo que Vila de Cruces está nese punto.
O noso concello leva tempo asistindo, con demasiada normalidade, á perda ou debilitamento de servizos públicos fundamentais. Peches educativos, deterioro da atención sanitaria, eliminación das urxencias no centro de saúde, falta de profesorado no IES Marco do Camballón, carencias nos centros educativos... Son situacións diferentes, pero todas teñen algo en común: cada vez resulta máis difícil acceder a determinados servizos públicos sen desprazarse fóra da nosa parroquia ou mesmo fóra do propio concello.
E ante esta situación, a pregunta que debemos facernos é moi sinxela: quen está defendendo Vila de Cruces?
Porque a Xunta ten responsabilidades evidentes, especialmente na sanidade e na
educación. Pero o Goberno municipal tamén ten unha responsabilidade política que non
pode eludir. Un alcalde non pode limitar a súa acción política ao bacheo, ao alumeado ou ao mantemento ordinario. Gobernar tamén significa anticiparse aos problemas, reivindicar
investimentos, defender servizos e mobilizar a veciñanza cando os intereses do concello
están en xogo.
Non podemos normalizar que Vila de Cruces vaia perdendo servizos, neste caso a atención médica no consultorio de Merza, mentres o Goberno municipal permanece calado e a Xunta mira para outro lado.
O caso do consultorio de Merza é especialmente preocupante. Durante décadas, Merza funcionou como un importante núcleo de servizos para a zona occidental de Vila de Cruces. O seu consultorio sanitario permitiu achegar a atención médica a unha parte importante da poboación e evitar desprazamentos innecesarios, algo especialmente relevante nun concello extenso, con numerosas parroquias, poboación envellecida e sen unha rede de transporte público que conecte adecuadamente o rural coa vila.
Agora, coa xubilación do facultativo que atendía tanto no centro de saúde de Vila de Cruces como no consultorio de Merza, esa atención queda en risco. E non estamos falando dun servizo residual.
Segundo a información que manexamos, o médico que viña atendendo en Merza tiña
arredor de 500 cartillas sanitarias asignadas, aproximadamente o 10% da poboación do
concello. Cinco centos de persoas non son unha estatística. Son persoas maiores, familias, persoas con enfermidades crónicas e veciños e veciñas que ata agora tiñan a atención médica preto da súa casa.
Por iso resulta incomprensible que unha xubilación que era perfectamente previsible non
teña aparellada unha resposta inmediata para garantir a continuidade da atención.
E aquí aparece un risco que non podemos ignorar.
Se a praza non se cobre rapidamente, centos de persoas poden verse obrigadas a acudir ao centro de saúde de Vila de Cruces para recibir unha atención que antes tiñan en Merza.
Se esta situación se prolonga, é perfectamente posible que parte das persoas usuarias
acaben solicitando o cambio de médico para facilitar o acceso á asistencia.
E entón podería producirse unha situación especialmente perigosa: que a perda progresiva
de pacientes do consultorio se utilice posteriormente como argumento para xustificar unha
redución de persoal ou de servizos.
Sería o círculo perfecto para quen queira recortar: primeiro non se cobre a praza, despois pérdense usuarios e finalmente úsase esa perda de usuarios como xustificación para reducir o servizo.
PUBLICIDADE
Non podemos permitir que isto suceda. Porque defender o consultorio de Merza non significa defender simplemente unha consulta médica nun edificio. Significa defender un modelo de concello no que os servizos públicos estean próximos ás persoas e no que vivir nunha parroquia non sexa sinónimo de ter que desprazarse continuamente.
A Xunta fala de sustentabilidade, de transición enerxética e de redución das emisións. Pero
o razoable sería achegar o servizo á cidadanía, non facer que toda a cidadanía se despracese ata onde estea o servizo.
E neste caso, ademais, existe un consultorio perfectamente habilitado para prestar atención sanitaria, despois das recentes obras de mellora. O propio BNG xa reclamou actuacións no consultorio de Merza e no centro de saúde de Vila de Cruces, e o Pleno municipal aprobou por unanimidade en 2025 unha moción para impulsar melloras.
Pero o problema vai moito máis alá de Merza. Vila de Cruces é un concello de preto de 5.000 habitantes, con máis de 150 quilómetros cadrados e 28 parroquias. A súa realidade territorial fai que os servizos públicos de proximidade sexan aínda máis importantes.
Cando se perde un servizo nun concello urbano, ás veces existen alternativas próximas. Nun concello rural como o noso, cada servizo que desaparece ten un impacto moito maior.
Por iso preocupa a acumulación de situacións: a perda de atención sanitaria en Merza; a
ausencia dun servizo de urxencias no propio centro de saúde e os desprazamentos a
Silleda; a falta de profesorado para impartir Latín e Grego no instituto, obrigando o
alumnado a recorrer ás aulas en liña ou a desprazarse; as necesidades sen resolver nos
centros educativos; ou a falta de actuacións suficientes para garantir condicións axeitadas
para os nenos e nenas, mesmo a defensa do servizo continuado da Barca de Portodemouros. Non estamos ante feitos illados, senón ante unha perda progresiva de servizos que afecta directamente á veciñanza e que compromete o futuro do concello.
E aquí é onde aparece a responsabilidade política do alcalde Luis Taboada e do Goberno
municipal. Non lle corresponde ao Concello contratar un médico ou decidir o profesorado dun instituto. Pero si lle corresponde defender os intereses de Vila de Cruces diante da Xunta, esixir solucións, anticiparse aos problemas e facer que a voz do concello se escoite con firmeza. Non podemos ter un Goberno municipal que simplemente espere a que os problemas aparezan para despois reaccionar.
A Xunta ten unha responsabilidade evidente, porque é a administración competente en boa parte destes servizos, pero o Goberno municipal tamén ten que asumir a súa responsabilidade política e deixar de permanecer calado.
Vila de Cruces precisa un alcalde que entenda que gobernar tamén é defender o territorio.
Porque un concello rural non se mantén vivo unicamente con obras e cemento. Mantense
vivo cando ten escola, médico, transporte, comercio, servizos sociais, actividade económica e oportunidades para que as familias poidan desenvolver aquí o seu proxecto de vida. Se permitimos que desaparezan os servizos, pouco a pouco tamén estaremos contribuíndo a que desaparezan persoas.
PUBLICIDADE
E por iso o debate non é se queremos ou non conservar un consultorio en Merza. O debate
é que modelo de concello queremos para os próximos anos. Un concello no que as parroquias teñan servizos próximos e dignos ou un concello no que cada vez máis veciños e veciñas teñan que coller o coche para acceder a aquilo que antes tiñan ao lado da casa.
Eu teñoo claro. Vila de Cruces non pode resignarse a perder servizos. Necesitamos unha Xunta que cumpra coas súas responsabilidades e un Goberno municipal que exerza de verdadeiro defensor do concello. Non queremos máis silencio nin máis escusas. Vila de Cruces non pode seguir perdendo servizos. A Xunta ten que cumprir coas súas responsabilidades e o Goberno Municipal ten que reivindicar e defender o noso concello.
Porque cando se perde un servizo público, recuperalo pode ser moito máis difícil que defendelo a tempo".
Álex Fiúza
Portavoz do BNG de Vila de Cruces









Comentarios