Vila de Cruces dá a coñecer aos gañadores das postais e dos escaparates de Nadal
- Laura Moure

- 1 ene
- 2 Min. de lectura
Os Reis Magos levarán a ilusión a esta localidade coa tradicional cabalgata e a recepción no auditorio Xosé Casal
Laura Moure/Vila de cruces
O Nadal de Vila de Cruces contará, como non podía ser doutra maneira, coa tradicional Cabalgata de Reis o luns 5 de xaneiro. Unha espectacular carroza, nun tractor co seu gran remolque, levará aos tres Reis Magos, os seus paxes e os pastorciños polas rúas do municipio.

Ás 17:00 horas, as súas maxestades visitarán a Residencia Municipal de Maiores de Vila de Cruces e entregarán un agasallo aos residentes. Ás 18:00 horas, comezará o desfile polas rúas coa tirada de doces a toda a cativada. A continuación, a comitiva chegará ao Auditorio Xosé Casal onde será recibida polo alcalde. Os Reis Magos entregarán uns agasallos aos máis pequenos e escoitarán as súas peticións para a noite máis máxica do ano. En caso de chuvia non se celebrará desfile e haberá recepción dos Reis Magos no Auditorio Xosé Casal a partir das 18:30 horas.
Publicidade
Tamén nesta xornada o Concello celebrará os actos de entrega de diplomas dos concursos de tarxetas de Nadal e de escaparates. A gañadora do concurso de tarxetas de felicitación do Nadal foi Sandra Espiño, que recibiu 100 euros –50 por ser a gañadora da súa categoría de 17 a 64 anos e outro tanto por ser a tarxeta elixida para felicitar o Nadal. Na categoría de ata 16 anos a gañadora foi Noa Pereira, que recibiu 50 euros, e na categoría de máis de 65, Manuel Barcala, que ten tamén un agasallo doutros 50 euros.
Publicidade
No concurso de escaparates de Nadal recibiu o primeiro premio Óptica Calveiro, establecemento premiado con 175 euros. Óptica Calveiro foi dobremente galardoada
no certame de escaparates xa que o xurado encargado de valorar a decoración tamén lle outorgou 75 euros do premio á orixinalidade. O segundo, ao que lle corresponden 125 euros, foi para José Antonio Mosquera Blanco. Os 100 euros do terceiro premio para Alberto Otero Castro, mentres que Maite Santiago Louzán obtivo 70 euros, correspondentes ao cuarto premio.








Comentarios