Vila de Cruces baralla aprazar a Festa do Chourizo
- Laura Moure
- 30 ene 2022
- 2 Min. de lectura
Os bos datos que se están recibindo da Xunta e o levantamento das restricións poden facer posible a súa realización o 17 de febreiro ou o 4 de marzo, en vez do 4 de febreiro
Laura Moure/Vila de Cruces
Julio López, tenente de alcalde e responsable de Cultura e Turismo do Concello de Vila de Cruces, vén de anunciar que o goberno de Xuntos está a estudar a posibilidade de celebración da súa famosa Festa do Chourizo que dende ano 2020, que cumpría o seu 28 aniversario de existencia, non se puido realizar debido á pandemia. Foi unha paréntese de dous anos que López pretende romper neste 2022, un ano en que se non se cancelaron as anteriores edicións cumpriría 30 consecutivas.

A tradición desta festa é que se celebre o 4 de febreiro, coincidindo co mercado tradicional de Vila de Cruces que son os días 4 e 17 de cada mes, pero visto o gran incremento de contaxios existentes, e a suspensión dos entroidos e demais festas populares da contorna, dábase por perdida esta edición 2022, pero os últimos acontecementos coa desescalada de contaxios e a decisión da Xunta de Galicia de rebaixar as restricións que existían ata o momento fan posible que a festa se poida celebrar.
Tras unha reunión do goberno tomouse a decisión, segundo informa Julio López, de que o día 4 de febreiro non se realizará debido a que aínda é moi arriscado, pero barallan un aprazamento desta festa con dúas posibles datas que son o 17 de febreiro ou o 4 de marzo facéndoa coincidir cos mercados municipais. "Todo vai depender de como evolucionen os casos de Covid para tomar a decisión", subliña o Concello.
Comments