top of page

Ventosa, en Agolada, e Dozón, zonas de especial vixilancia contra os lumes forestais

As Policías Autonómica e Nacional, a Garda Civil e o Exército despréganse por toda a provincia de Pontevedra para realizar labores de prevención e control dende hoxe


Laura Moure/Deza

As Policías Autonómica e Nacional, a Garda Civil e o Exército despregaranse de xeito planificado por toda a provincia de Pontevedra para realizar labores de vixilancia, prevención e control fronte aos lumes forestais dende hoxe, venres 1 de xullo, data na que comeza a época de alto risco. Na comarca de Deza farase unha especial vixilancia nos municipios de Agolada e Dozón.

Autor: Ecos da Comarca.

O plan operativo nesta materia foi abordado esta semana no seo do Comité Provincial de Coordinación Policial contra os Lumes Forestais 2022, celebrado no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra baixo a presidencia dos delegados territoriais de Pontevedra e Vigo, Luis López e Marta Fernández-Tapias. Ao encontro tamén asistiron representantes da Subdelegación do Goberno, Policía Nacional, Garda Civil, o Servizo de Protección da Natureza (Seprona), o Exército de Terra, a Policía Autonómica, os servizos provinciais de Emerxencias e Medio Rural e os responsables de distritos forestais, entre outros.


“Dende a Xunta de Galicia poñemos todo da nosa parte para protexer aos galegos, aos seus bens e ao noso monte fronte á terrible lacra dos lumes forestais e, aos 1.200 efectivos e cen vehículos que despregaremos por toda a provincia este verán, engadimos un operativo de seguridade e vixilancia transversal e de primeira orde, coa participación de todas as forzas e corpos de seguridade, que quedou completamente engraxado hoxe tras varias semanas de traballos previos de coordinación”, sinalaron os dous representantes autonómicos.

Así, a Policía Nacional, coa colaboración do corpo autonómico, encargarase da vixilancia nesta materia nos municipios de Pontevedra, Marín, Vigo e Vilagarcía de Arousa, mentres que a Policía Autonómica terá presenza en ata 27 concellos para estas tarefas con axentes en Lalín, Silleda, a bisbarra do Salnés, a subzona do Baixo Ullán, Poio, Vilaboa, Caldas de Reis, Portas, a zona norte do Condado-Paradanta e Mos.


Os restantes 34 concellos da provincia de Pontevedra corresponderanlle á Garda Civil, aínda que no caso dos nove municipios das bisbarras do Condado e A Paradanta, que é a contorna máis complexa da provincia nesta materia, haberá un importante reforzo con patrullas terrestres do Ministerio de Defensa.


Nesta ocasión determináronse como zonas de especial vixilancia, tras un exhaustivo estudo previo, as parroquias de Ventosa (Agolada), Dozón (Dozón), Mouretán (Arbo), Tortoreos (As Neves), Godóns (Covelo), Filgueira (Crecente), Guillade e Moreira (Ponteareas), o municipio de Salvaterra, Torneiros (O Porriño), San Xurxo (Salceda de Caselas), Goián (Tomiño), Xesta e Xende (A Lama), Corredoira (Cerdedo-Cotobade) e o monte Xiabre, limítrofe entre Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa.


Esta acción policial contra os lumes forestais, ante os vindeiros catro meses considerados como época de alto risco, complétase cun operativo na provincia, por parte da Xunta de Galicia, de 1.188 efectivos, 98 vehículos, entre os que figuran catro helicópteros, dez puntos de vixilancia fixa, 1.180 puntos de recollida de auga, 26 cámaras de videocontrol nas 13 localizacións máis conflitivas e estratéxicas e case 5 millóns de euros xa investidos en accións de prevención tradicionais, como cortalumes, devasas, pistas forestais ou faixas secundarias, entre outras.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page