top of page

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 pide extremar as precaucións para previr accidentes de tractor

Durante o ano 2024, o 061 de Galicia asistiu en 68 accidentes de tractor, nos que se atendeu a 72 persoas, das que 17 faleceron no punto do sinistro


Laura Moure/Xeral

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 pide extremar as precaucións para previr os accidentes de tractor e vehículos similares durante a realización de tarefas agrícolas. Os sinistros provocados por carencias técnicas ou do mantemento do vehículo, condicións meteorolóxicas e do terreo adversas ou posibles imprudencias da persoa que conduce, entre outras, converten os accidentes de tractor en unha das principais causas de sinistralidade e mortalidade no campo. Ao anterior súmase o numeroso parque móbil no rural e a elevada idade das persoas que realizan tarefas agrícolas que contribúen a aumentar os accidentes causados por estes vehículos e similares.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, neste período do ano no que aumentan as horas de sol e os días son máis longos, quere lembrar a importancia de cumprir coas medidas de seguridade na condución de tractores. Estas medidas baséanse  principalmente en respectar as normas de circulación, manter unha velocidade axeitada e cumprir coa sinalización da máquina durante o día e a noite. Ademais, é necesario que o vehículo dispoña dos elementos de seguridade viaria obrigatorios e se manteñan en bo estado. Tamén, resulta imprescindible que o número de pasaxeiros non supere ao indicado polo fabricante do vehículo.


Como actuar fronte a envorcaduras

Como medidas de protección fronte á envorcadura do tractor, o vehículo debe dispoñer dunha estrutura homologada de protección (cabina, pórtico ou estrutura similar), débese empregar o cinto de seguridade e, regularmente, realizar un mantemento axeitado das proteccións.


Para evitar a envorcadura do vehículo recoméndase circular á velocidade axeitada e extremar as precaucións en camiños en mal estado. Non realizar viraxes bruscas, principalmente se dispón dun apeiro arrastrado como un remolque ou unha cisterna e ter coidado para non forzar o tractor se observa resistencia ao avance.


Por último, no caso de envorcadura, o condutor deberá permanecer dentro do vehículo, mentres se agarra fortemente ao volante ou a unha estrutura similar. Nunca intentará saltar cara o exterior para evitar posibles danos e lesións.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Cómpre sinalar que no eido laboral, a Xunta ten en marcha a campaña de Prevención de riscos no manexo do tractor, co obxectivo de divulgar sobre as causas máis frecuentes dos sinistros e ofrecer pautas para previr ou reducir este tipo de accidentes. Entre outras accións, contémplase a distribución de 5.000 folletos elaborados polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) a profesionais relacionados co uso deste vehículo, unidades móbiles e puntos fixos da ITV ou concellos. A documentación pon o foco en áreas como a importancia do cumprimento das normas de tráfico e da seguridade viaria, a protección da toma de forza ou medidas fronte ao envorco.


Accidentes de tractor atendidos en 2024

Durante o ano 2024, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu 125 accidentes de tractor, nos que se asistiron 132 persoas. Se atendemos aos meses nos que se produciron estes sinistros, os meses de xullo, abril e agosto son que os que rexistraron maior número de sinistros con 19 en xullo e 18 nos meses de abril e agosto. En relación cos pacientes atendidos nestes sinistros, no mes de xullo atendéronse 19 persoas, 18 en abril e 19 pacientes no mes de agosto.


Por provincias, Pontevedra foi a provincia que rexistrou máis accidentes de tractor con 37 sinistros, seguida por A Coruña con 35, Ourense con 30 e, por último, Lugo con 23 accidentes. Segundo os concellos con maior número deste tipo de sinistros, no ano 2024 A Estrada e Mos foron os que tiveron o maior número de asistencias con cinco accidentes, seguidos polo Barco de Valdeorras, Begonte, Marín, Pontevedra e Ribeira con tres sinistros.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Para atender estes sinistros mobilizouse o helicóptero medicalizado en 24 ocasións, a ambulancia de soporte vital avanzado (SVA) medicalizada en 23 sinistros e a ambulancia de SVA de Enfermaría en cinco accidentes. A ambulancia de soporte vital básico (SVB) foi mobilizada en 104 ocasións e os equipos de Atención Primaria, que no caso de considerarse necesario medicalizan os recursos de SVB, en 46 ocasións.


Por último, dos 132 pacientes asistidos entre xaneiro e decembro de 2024, 17 foron atendidos no punto, 108 necesitaron ser trasladados a un centro hospitalario e sete persoas morreron no lugar no que se produciu o accidente.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page