Uns 250 estudantes demostrarán o talento da formación profesional no 8º Campionato GaliciaSkills
- Laura Moure

- hace 20 minutos
- 3 Min. de lectura
Celebrarase os días 28, 29 e 30 de outubro no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda
Laura Moure/Silleda
Preto de 250 estudantes, acompañados de máis de 200 titores e procedentes de 76 centros educativos de toda Galicia, participarán no 8º Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2025, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de outubro no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda.
Organizado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, GaliciaSkills constitúe o principal escaparate de promoción e visibilidade da Formación Profesional galega, coa finalidade de poñer en valor o talento, a creatividade e a cualificación técnica do alumnado, así como o papel estratéxico destas ensinanzas no desenvolvemento económico, social e empresarial da comunidade.

Nesta oitava edición celebraranse un total de 36 modalidades de participación, das cales 27 serán de competición, 6 de demostración e 3 reservadas a alumnado de programas formativos básicos de centros de Educación Especial. O número total de competicións increméntase así nun 20% respecto á anterior edición de 2023, mentres que a cifra de participantes sobe nun 32%, pasando de 184 a 242 competidores.
As probas desenvolveranse en ámbitos tan diversos como carpintaría, deseño mecánico, soldadura, control industrial, mecatrónica, desenvolvemento web, cociña, estética, atención sociosanitaria ou tecnoloxía da moda, entre moitos outros. O alumnado participante poñerá a proba as súas destrezas nun campionato eminentemente práctico, no que deberán realizar diferentes tarefas e demostracións vinculadas á súa área de formación. Ademais, habilitarase unha zona “Try a Skill” para que o público visitante poida experimentar de primeira man algunhas das habilidades profesionais presentes no campionato.
Na organización do evento participan centros como o Centro Integrado de FP Carlos Oroza (Pontevedra), encargado de elaborar os menús para os competidores, mentres que o Centro Integrado de FP Manuel Antonio (Vigo) atenderá a zona de cafetería e o Centro Integrado de FP Fraga do Eume (Pontedeume) será o responsable do catering posterior ao acto de entrega de premios.
Publicidade
A cobertura audiovisual do evento correrá a cargo do Centro Integrado de FP Imaxe e Son da Coruña e do Centro Integrado de FP Audiovisual de Vigo, mentres que outros centros, como o Centro Integrado de FP Leixa (Ferrol), o Centro Integrado de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa), o Centro Integrado de FP Universidade Laboral (Culleredo), o Centro Integrado de FP A Farixa (Ourense) e o Centro Integrado de FP As Mercedes (Lugo), colaborarán na organización de obradoiros dirixidos ao público visitante.
O campionato contará coa participación de 99 patrocinadores, o que supón un incremento do 30% respecto á edición anterior, empresas que colaboran achegando materiais, ferramentas e maquinaria imprescindibles para o desenvolvemento das probas. Entre elas figuran compañías de referencia como Festo, Siemens, Schneider, L’Oréal, Estrella Galicia, elPulpo, DomusVi ou Finsa, entre outras moitas, que reforzan o vínculo entre a Formación Profesional e o tecido produtivo galego.
Publicidade
A gala de entrega de premios terá lugar o xoves 30 de outubro. No acto recoñeceranse os dous mellores clasificados de cada modalidade, que recibirán medalla de ouro e de prata. O alumnado gañador formará parte do equipo galego que representará a comunidade nos campionatos nacionais SpainSkills 2026, que se celebrarán en Madrid entre o 24 e o 28 de febreiro do próximo ano.








Comentarios