Unha quincena de persoas asistiu á xornada formativa en Agolada sobre pragas e doenzas do castiñeiro
Laura Moure/Agolada
O Auditorio Municipal Manuel Costa Casares de Agolada acolleu este xoves unha xornada sobre pragas e doenzas do castiñeiro. Asistiu unha quincena de persoas, entre elas de concellos veciños de Palas de Rei e Chantada.

Esta xornada estivo impartida por Javier Payo e Nuria Sánchez, técnicos do Centro de
Desenvolvemento Agroforestal do concello de Riós. Cabe mencionar que este municipio ourensán ten asinado un convenio coa Consellería de Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), para levar a cabo esta iniciativa en todo os concellos de Galicia que así o desexen e ao Concello de Agolada pareceulle unha gran oportunidade.
A modo do introdución fixeron un repaso pola historia dos castiñeiros para despois tratar as principais enfermidades que están afectando a estas árbores: o chancro e a tinta e tamén abordaron os fungos que os afecta como a anthracnose e a gnomoniopse. Describiron os efectos de cada un deles, explicando cando se adoitan detectar e cales son os métodos máis eficaces para combatelos.
Mentres, na segunda parte da xornada centráronse na avispilla do castiñeiro e tamén noutros parasitoides nativos.
Durante o encontro, os asistentes tamén puideron consultar as súas dúbidas e expoñer problemas que se están atopando nas súas plantacións de castiñeiros. Por último, os técnicos fixeron entrega duns dípticos sobre a loita biolóxica contra a avespa do castiñeiro e tamén sobre o plan de loita biolóxica fronte ao cancro desta árbore.








Comentarios