top of page

Un tren descarrila á altura de Silleda a causa dun desprendemento de terra e pedras

Ecos da Comarca/Silleda

Esta tarde produciuse un descarrilamento dun tren na comarca de Deza. O suceso ocorreu á altura da parroquia silledense de Taboada pasados uns minutos das seis da tarde. O incidente saldouse sen feridos.

As 17 persoas que viaxaban no convoi, 16 pasaxeiros e o interventor, resultaron ilesos, tal e como informa o 112 Galicia. De feito, o interventor, levou un golpe pero non precisou asistencia sanitaria.


Ás seis desta tarde, persoal de Adif emerxencias contactaba co 112 Galicia para informar do descarrilamento dun tren de media distancia que facía o traxecto Ourense-Santiago, entre a canteira de Campomarzo e Ponte Taboada, ao seu paso por Silleda.


No relato, indicaban que eran 16 os pasaxeiros que viaxaban no convoi, ademais do interventor, quen segundo comunicaban, levou un golpe, sen ser necesaria a asistencia médica. Desde o 112 Galicia, nada máis recibir o aviso, informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias-061, á Garda Civil, á Policía Local e Nacional e aos Bombeiros do Deza.

Unha vez no punto, os Bombeiros indicaron que foi un vagón o que se saíu do eixo do carril da vía por mor dun desprendemento de terra e pedras na entrada do túnel polo que circulaba. Aseguraban que o tren estaba no interior do túnel e que se podía acceder sen dificultade.


A esta hora, os medios continúan co seu traballo no lugar dos feitos á espera doutro convoi para recoller aos pasaxeiros, sinala o 112 Galicia.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page