O primeiro posto foi para o palense Dajosefa, mentres que de terceiro quedou o de Tetilla da firma dezá Lácteos Anzuxao
Laura Moure/Palas de Rei/Deza
O queixo artesanal Dajosefa de Palas de Rei foi elexido o Mellor Queixo de España na categoría vaca xoven, no Campionato dos Mellores Queixos de España do 13º Gourmet Quesos celebrado este martes, 17 de abril, no recinto Ifema de Madrid. Pero o terceiro posto desta categoría tamén queda nas comarcas, xa que recaeu no de tetilla da firma lalinense Lácteos Anzuxao.
O Salón Gourmets, destaca por ser unha Feira de Alimentación e bebidas de calidade europea, na que se presenta o mellor escaparate de tendencias de alta gama, serve de punto de encontro de profesionais nacionais e internacionais do sector gastronómico (restauración, hostalaría, distribución, catering, e comercio especializado) e acolle a campionatos como o "Gourmet Quesos", considerado o de maior prestixo do sector, no que destaca un xurado composto de 60 integrantes con perfiles heteroxéneos, entre os que están: técnicos, mestres queixeiros, encargados de tendas, blogueiros, periodistas gastronómicos, cociñeiros… entre outros, encargados de avaliar ós queixos semifinalistas, entre todos os presentados ó concurso nunha primeira cata a cegas codificada e ante notario.
Os cinco queixos con maior puntuación, en cada categoría pasaron a final na que obtiveron diploma os tres primeiros clasificados e, como sempre, só un queixo é o que acada o Premio ao mellor Queixo de España por categoría
"O queixo Dajosefa, na parroquia palense de Ferreira, no lugar de Senande, é un queixo artesanal, como se facía antano, resultado dunha coidadosa elaboración que xorde logo da transformación da leite crúa que dá o seu conxunto de vacas ratinas e que lle aportan un específico contido en graxa e proteína e cun excelente sabor no padal. Elaborado de xeito tradicional, tal e como se facía historicamente, nas pequenas ganderías galegas, dende a rotura do callado ata o seu moldeado, representa o carácter familiar e matriarcal e o símbolo do esforzo e a dedicación das mulleres no rural galego", destaca o Concello de Palas de Rei a través das súas redes sociais.
Outros destacados de Agolada e Silleda
Cabe mencionar que nesta mesma categoría (vaca xoven) tamén quedaron finalistas outros queixos das comarcas. En concreto, loitaban polo premio o queixo da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa de Lácteos Farelo de Agolada; o queixo Arzúa-Ulloa Granxa Beley del Consorcio Agroalimentario de Galicia (Silleda); Dajosefa, de Fermentos Galegos; Fontelas Cremoso, de Piñeiro López Javier (Lugo) e o Queixo Tetilla DOP de Lácteos Anzuxao (Lalín).
Comments