Un millar de rapaces e rapazas de 11 centros educativos competiron no cros Terra do Deza
A cita tivo lugar no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda
Laura Moure/Deza
A fase zonal de cros Terra do Deza do programa Xogade volveu un ano máis ao recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda. Organizado polo servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra coa colaboración da Escola de Atletismo Deza, este evento deportivo pretende fomentar a actividade física e a relación entre os rapaces da zona.

A cita contou onte pola mañá coa participación de 1.046 alumnos e alumnas de primaria e
secundaria de 11 centros educativos da comarca. Estes foron o CPR María Inmaculada e o CEIP de Silleda; o CPI de Agolada; o CEIP Nosa Señora da Piedade e o CEIP Cerdeiriñas, de Vila de Cruces; e tamén o CEIP Vicente Arias de la Maza, o IES Laxeiro, o CEIP Varela Buxán, o CEIP Manuel Rivero, o CEIP Xoaquín Loriga e o IES Ramón María Aller Ulloa, de Lalín.
PUBLICIDADE
A competición, que é clasificatoria para o Campionato Provincial, incluíu categoría benxamín (2º e 3º de primaria), na cal correron 450 metros e competiron 24 alumnos de
segundo de primaria en masculino e 26 en feminino, e 80 de terceiro curso en
masculino e 76 en feminino. Tamén houbo categoría alevín (4º e 5º de primaria), con
distancias de 900 metros e a participación de 82 rapaces de cuarto de primaria en masculino e 74 rapazas en feminino e de 98 nenos de quinto en masculino e 67 nenas en feminino.
En categoría infantil (6º de primaria e primeiro de ESO), correron 1.350 metros 100 alumnos de sexto de primaria en masculino en 70 alumnas en feminino, mentres que
foron 73 alumnos de primeiro da ESO en masculino e 49 en feminino. Sumouse a
categoría cadete (2º de ESO), cunha distancia de 1.800 metros e a participación de 115
rapaces en masculino e 112 rapazas en feminino.
PUBLICIDADE
Esta cita deportiva, que tivo lugar no ring verde do recinto feiral, desenvolveuse dende
as 10:30 ata as 13:30 horas.









Comentarios