A expedición, con 18 persoas, aloxarase con veciños da localidade, irmandada co municipio trasdezán dende 2017 e tamén participan grupos de Italia e Hungría
Laura Moure/Silleda
Un grupo formado por 18 veciños e veciñas de Silleda partiu este luns cara a localidade francesa de Caneján, onde participarán nun programa de intercambio nesta localidade do sur do país, irmandada con Silleda dende hai xa seis anos.

Membros do Comité de Irmandamento de Silleda (Coxesi), que preside Belén Calvo, e outras persoas que se interesaron polo programa forman parte deste grupo que partiu en avión dende Lavacolla cara a Caneján, onde estarán ata o vindeiro luns día 29, aloxados en casas da veciñanza de Canejan.
O programa comezou estes días, adicado este ano á sostenibilidade e o medio ambiente, con distintas actividades nas que estarán tamén presentes membros da localidade italiana de Poggio Mirteto (outra das cidades irmáns de Silleda) e de Nagykowacsi. A fin de semana, cando se celebran os actos centrais do programa, tamén se incorporará ao grupo a concelleira de Medio Ambiente, Industria, Servizos e Persoal, Pili Peón, que representará ao Concello de Silleda neste intercambio.
Esta será a segunda vez que unha expedición silledense viaxe á localidade francesa, situada na rexión de Burdeos. A primeira foi en 2017, despois do irmandamento. En 2018 foi Silleda o municipio anfritrión destas actividades, acollendo a grupos de Canejan e Poggio Mirteto, localidade preto de Roma onde se celebraron os actos en 2019.
Este irmandamento retómase agora despois dun parón de dous anos por mor da pandemia. Con esta viaxe, ca que colabora o Concello de Silleda, dase a oportunidade a veciñanza de entablar contacto e coñecer outras culturas e formas de vida.
Comments