Un artístico berro porcino para o corazón do Cocido
- Laura Moure

- hace 8 minutos
- 2 Min. de lectura
O compostelán Deiviz Kostoya versiona a Munch co ingrediente estrela del Cocido para
a XIV EmporcArte de Lalín
Laura Moure/Lalín
“O berro do Porco”, a versión máis lalinense do cadro máis famoso de Edvard Munch (“O berro” de 1893), poderase ver desde o sábado 14 de marzo no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa de Lalín. O artista compostelán Deiviz Kostoya realizou esta pintura expresamente en conmemoración dun dos pratos estrela da gastronomía galega, o cocido, tan celebrado este mes na capital da comarca de Deza.

Así, a obra enmárcase dentro das actividades da LVIII Feira do Cocido da localidade, nunha nova edición da exposición colectiva EmporcArte, onde se poderán ver obras de máis de 50 artistas, tanto consagrados como emerxentes. A angustia existencial da famosa obra de Munch transfórmase nunha escena profundamente lalinense en “O
berro do Porco” (60 x 80 cm, acrílico sobre lenzo). A pintura versiona o célebre icono do expresionismo europeo, trasladándoo ao imaxinario gastronómico e cultural de Lalín.
Publicidade
Nesta reinterpretación, a figura humana é substituída por un porco, protagonista absoluto da obra. O animal non aparece como un elemento literal, senón como un símbolo transformado, a medio camiño entre o humano, o festivo e o grotesco, como guiño ao Entroido. "Non quería representar nin un berro humano nin un animal", explica Kostoya. "O
porco é aquí un vehículo emocional, unha figura híbrida que canaliza unha sensación de exceso, de intensidade e de celebración levada ao límite".
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O personaxe aparece “fóra de si”, mentres detrás se ergue distorsionada a igrexa Santa María das Dores de Lalín, recoñecible e rotunda, ancorando a escena nun espazo real e emocionalmente próximo ao espectador. A paisaxe do fondo non é un fiordo noruegués, senón un vasto mar de grelos cocidos, cuxa superficie verde funciona como metáfora do territorio, da abundancia e da identidade culinaria da comarca de Deza. Destaca tamén o ceo ondulante de intensos vermellos, amarelos e ocres, que lembra as cores do cocido galego, onde os chourizos, as patacas, o unto e os garavanzos se traducen en vibrantes franxas de cor cargadas de expresividade. "É un berro que non se oe, pero que se cheira", bromea Kostoya.
Publicidade
“O berro do Porco” intégrase na liña de traballo característica de Deiviz Kostoya, centrada na revisión, versionado e “galeguización” de obras universais da historia da arte. Esta non é a primeira ocasión na que o pintor mestura o cocido galego cunha obra de arte. Na edición pasada presentou “Vincent van Porcogh” e no seu debut na EmporcArte do 2019, presentou a A Mona Lisa do Cocido, “A Giococha”, recibindo gran atención por parte da prensa e boas críticas por parte do público.
NOTICIA RELACIONADA:
60 artistas formarán parte da XIV Emporcarte que se inaugura o 14 de febreiro en Lalín: https://www.ecosdacomarca.com/post/60-artistas-formar%C3%A1n-parte-da-xiv-emporcarte-que-se-inaugura-o-14-de-febreiro-en-lal%C3%ADn








Comentarios