Xaquín Rubido denuncia que "a mesma consultora que dixo que Ence non podía trasladarse a ningún río galego, coloca agora unha celulosa no Ulla"
Laura Moure/A Ulloa
As Plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) fixeron este luns en Carril un chamamento conxunto á cidadanía a seguir presentando alegacións contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. O mar e o corazón de Galicia, aseguraron os voceiros Xulio Fernández e Xaquín Rubido, “están ameazados” polo Proxecto Gama, “un desastre ambiental, económico e social” para as comarcas da Ulloa, o Deza, Terra de Melide e Arzúa, e tamén para o sector pesqueiro e marisqueiro da Ría de Arousa.
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, anunciou na rolda de prensa unha nova alegación
que a plataforma presentará contra o proxecto de Altri, "xa que a mesma consultora ambiental que no 2019 desbotaba un posible traslado de Ence de Lourizán a calquera outro río galego, agás o Miño, agora fai o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) positivo para ubicar unha macrocelulosa no río Ulla". Rubido critica que unha mesma empresa “diga unha cousa e a contraria”.
Segundo explicou Rubido, Ence encargou dous informes periciais a dúas consultoras (Idom e Pöyry) nos anos 2018 e 2019 diante do recurso do Concello de Pontevedra e Greenpeace contra a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy para a ocupación por Ence dos terreos públicos na Ría de Pontevedra. Estes informes concluían a inviabilidade de trasladar Ence a calquera outro punto de Galicia, xa que unha celulosa do tamaño de Ence ten unha necesidade de recursos hídricos que non podía garantir ningún río galego, agás o Miño e o Sil.
Nesta nova alegación a PDRA destaca que “a conclusión que se extrae do devandito é que non se pode argumentar a imposibilidade de traslado da factoría de ENCE en Lourizán e utilizar os argumentos contrarios para xustificar a instalación de GreenFiber S.L. no río Ulla. Non hai ningún río en Galicia no que sexa sostible emprazar unha celulosa das dimensións produtivas de GreenFiber S.L.”. Rubido denuncia o feito de que a consultora que fixo o EIA para Altri, foi Afry que é unha consultora con sede en Suecia resultado dunha fusión da consultora sueca AF e a finesa Pöyry.
Publicidade
“A calidade química do río Ulla vai verse comprometida pola vertedura da mercantil e máis
tendo en conta que verte directamente ao encoro de Portodemouros, que sofre episodios
recurrentes de eutrofización no período estival e que debería estar cualificado como zona
vulnerable por Augas de Galicia, quen eludiu facelo argumentando, no proceso xudicial da
Comisión Europea contra o Estado Español polas verteduras de nitratos, que estaba
pendente dun estudo, do que arestora descoñecemos a súa realización. Parece claro que
se o encoro de Portodemouros houbera sido declarado como zona vulnerable non se
podería autorizar a vertedura de GreenFiber S.L.”.
Ademáis a PDRA pon coma exemplo a experiencia de Altri en Portugal que “foi claramente
negativa para o río Tejo. Segundo fontes diversas do goberno portugués, dos municipios e
da Asociación Pró-Tejo, o río chegou a ter un nivel de 1 sobre 10 na escala de
contaminación internacional (carencia bioquímica de osíxeno), o que representa un río
morto segundo a ecoloxía e a hidroloxía fluvial. Como consecuencia disto, no ano 2012
había censados 1.091 pescadores e hoxe no río quedan só 46”.
Publicidade
Alegacións e prazos
Xulio Fernández, voceiro da Plataforma Ulloa Viva, afondou na rolda de prensa no
entramado de intereses económicos e políticos que cada día afloran ao respecto do
proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei. Denunciou que o propio Rueda vén de
anunciar unha Oficina Económica dependente da Presidencia para xestionar os proxectos
industriais estratéxicos, “esto é encargarse persoalmente de Altri”. Ademais criticou aos
“políticos, facilitadores, lobbies, Pepe Blanco e o goberno do Estado, dos que dependen os cartos da Unión Europea sin os que Altri non chegaría ao corazón da Galiza”.
Xulio Fernández asegurou que “os políticos xa tomaron partido por esta industria e o presidente da Xunta está a darlles un trato preferente”. O voceiro de Ulloa Viva demandou
do goberno galego que “alomenos nos dea aos cidadáns afectados un trato igual que o que lle está a dar á empresa”. Por iso animou á veciñanza de toda Galicia a seguir presentando alegacións, e escritos á Consellería de Industria para que se amplíe o prazo que remata o vindeiro mércores 17 de abril.
Ademais explicou que as persoas máis directamente afectadas polo proxecto, en bens e
dereitos, poden comparecer ou persoarse coma interesados na tramitación e esixir da Xunta toda a documentación e as comunicacións ao respecto igual que a empresa. Xulio Fernández asegurou que a Plataforma Ulloa Viva “irá onde faga falta para parar este proxecto, petaremos á porta de todas as institucións do Estado e da Unión Europea”.
Comentários