top of page

O prazo para participar na bolsa de emprego para auxiliares do SAF en Silleda será dende mañá ata o 7 de maio

As bases para participar no proceso xa se poden consultar na web municipal e no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda constituirá novamente unha bolsa de traballo para auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a fin de cubrir baixas, vacantes, o aumento de persoas usuarias ou calquera necesidade urxente que puidera xurdir para a prestación do servizo no municipio. As bases para dita constitución de dita bolsa foron aprobadas na última sesión da Xunta de Goberno Local, e xa se poden consultar dende hoxe.


Tal e como establecen, o prazo de presentación de solicitudes é de 5 días hábiles contados a partir de mañá, día 30, polo que o prazo rematará o vindeiro martes día 7 de maio. Para realizar a selección, unha vez aprobada a lista de persoas aspirantes admitidas haberá unha proba selectiva, mediante sistema de oposición, cunha fase teórica (cuestionario de 20 preguntas tipo test).

Poderán participar persoas ca titulación de técnico/a en coidados Auxiliares de Enfermería ou equivalente; técnico/a de atención sociosanitaria ou equivalente; que teñan o certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes e institución sociais; certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio; ou certificado de habilitación excepcional ou provisional para o exercicio profesional na categoría de Auxiliar de Axuda no Fogar.


A constitución desta bolsa forma parte dunha serie de melloras que o Concello de Silleda está a implementar no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que xestiona a propia entidade local, dando así cumprimento aos compromisos acadados nas últimas reunións mantidas polo goberno municipal tanto cas auxiliares sociosanitarias como cas familias das persoas usuarias.

Publicidade

A mellora da comunicación e coordinación entre as auxiliares e as traballadoras encargadas da coordinación do servizo vaise realizar a través da contratación da aplicación CIBERSAD Profesional, ampliando así as ferramentas do sistema de xestión do servizo e facilitando o traballo entre ambas partes.


A formación da plantilla é outra das melloras que se implementaron nas últimas semanas, ca realización de cursos sobre a mobilización de persoas dependentes e outra que se realizará proximamente sobre habilidades sociais.


Outra das iniciativas de mellora, é o servizo de atención psicolóxica para as auxiliares do servizo, que poden solicitar no propio departamento de Benestar.


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page