UCIN Galicia cualifica os orzamentos da Xunta para 2026 como "insuficientes e enganosos"
Ecos da Comarca/Xeral
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, fixo onte as primeiras valoracións dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2026, cualificándoos de “insuficientes” e “un engano á cidadanía galega”. Segundo UCIN Galicia, trátase duns orzamentos que medran por debaixo do IPC, o que na práctica supón un retroceso do poder real de investimento da administración autonómica. “Non se pode falar de crecemento cando o incremento orzamentario é inferior á inflación. Isto significa menos capacidade para mellorar servizos públicos e atender ás necesidades reais da xente”, sinalou Calo.

Falta de compromiso co gasto social
Desde UCIN Galicia denuncian a falta de compromiso coa sanidade, a educación, as infraestruturas e a investigación, ámbitos nos que Galicia precisa un impulso decidido. “Estes orzamentos eran unha oportunidade para apostar polo que tanto necesitamos: máis investimento en educación, sanidade, infraestruturas e investigación. Pola contra, a Xunta opta por manter políticas continuístas e insuficientes”, engadiu Calo.
PUBLICIDADE
Propostas de UCIN Galicia
UCIN Galicia considera imprescindible que o Goberno galego acompañe calquera incremento do gasto público cunha redución real do gasto superfluo. “É necesario eliminar ou reducir drasticamente o gasto en chiringuitos, fundacións e entes paralelos da administración que non aportan valor real á cidadanía”, destacou o coordinador.
A formación lembra que as entidades instrumentais da Xunta xestionan cada ano centos de millóns de euros, recursos que poderían destinarse a reforzar servizos básicos e apoiar ás familias galegas. “Hai marxe para facer máis con menos, pero fai falta vontade política e xestión eficiente”, concluíu Calo.
PUBLICIDADE
Conclusión
Para UCIN Galicia, os orzamentos da Xunta para 2026 "non responden aos retos sociais e económicos de Galicia e non ofrecen unha visión de futuro nin unha aposta pola igualdade de oportunidades. A formación insta ao Goberno galego a revisar as súas prioridades e a poñer as persoas no centro das políticas públicas".









Comentarios