Tres estudantes do instituto de Mondoñedo gañan o concurso da Asociación Feiral Semana Verde
- Laura Moure
- hace 2 días
- 2 Min. de lectura
Trataba sobre as feiras tradicionais
Laura Moure/Silleda
A estudante de segundo da ESO do instituto Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo Sara Bouso Coldeira é a gañadora do primeiro premio do concurso literario ‘As Feiras Tradicionais Galegas’, convocado pola Asociación Feiral Semana Verde de Silleda. Curiosamente, outros dous alumnos do mesmo centro lucense alzáronse co segundo e terceiro galardón. Trátase de Fernando Seco Sánchez (4º ESO) e de Matías Díaz Otero (2º ESO), respectivamente.
Os tres estudantes presentaron cadansúa entrevista formulada a unha persoa maior, a través da cal explicaron como eran as feiras tradicionais galegas. O traballo que se fixo co primeiro premio leva por título ‘As feiras antigas’ e nel a entrevistada relata a importancia do papel das mulleres neste tipo de mercados. O cuestionario elixido en segundo lugar titúlase ‘Desprazabámonos andando (…) con vacas bravas do monte, correndo de noite detrás para non perdelas’ e quen fala é un home. No terceiro traballo escollido, ‘Lembranzas dun tempo que xa non volta’, a voz é tamén a dunha muller.

Os tres vencedores recollerán os seus premios o próximo xoves 5 de xuño, coincidindo coa inauguración da 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. A autora do primeiro galardón recibirá un vale de 500 euros, o autor do segundo, 300 euros e o firmante do terceiro, 200 euros. Ademais, xunto cos seus compañeiros de clase e profesorado, realizarán ese mesmo día unha visita ao Mosteiro de Carboeiro e ó Museo do Campo e da Mecanización.
Posteriormente, poderán desfrutar dun xantar elaborado e coordinado por Culinaria a base de produtos típicos de Silleda como empanada de panadería Mella e lacón de Coren elaborado por Culinaria, así como bebidas aportadas por Distri Conecta, S.L.
A entrevista vencedora pode lerse no último número do boletín ‘Cultura Rural’ que a Asociación Feiral Semana Verde acaba de publicar, así como na páxina web do colectivo
www.afeiral.com, onde tamén están dispoñibles os outros dous traballos gañadores.
Publicidade
Ao certame presentáronse un total de 57 traballos chegados de diferentes puntos da xeografía galega. O xurado estivo integrado pola xornalista e escritora Ana Cabaleiro, polo historiador e docente Xoán Carlos García Porral e polo docente Matías Rodríguez da Torre, xunto coa secretaria da Asociación Feiral, a xornalista Blanca Paz. O comité destacou a riqueza temática das propostas presentadas, o seu coidado á hora de recoller o verdadeiro espírito das feiras e a captación do coñecemento realizado pola persoa nova sobre a maior, coa correspondente transmisión de coñecementos.
A Asociación Feiral Semana Verde amosa a súa satisfacción polo éxito desta primeira edición dun certame que volverá convocarse o próximo curso.
Comentários