Touro estrea un mural en homenaxe ao Camiño de Santiago da artista internacional “Mapeco”
- ecosdacomarca

- hace 14 horas
- 2 Min. de lectura
Representa a unha muller peregrina que percorre o Camiño en bicicleta, simbolizando a procura persoal, a reflexión e a viaxe interior que moitas persoas atopan ao realizar a ruta
Ecos da Comarca/Touro
O Concello de Touro presentou esta fin de semana un novo mural artístico dedicado ao Camiño de Santiago, unha obra promovida polo propio Concello e executada pola artista internacional María Peña, coñecida artisticamente como “Mapeco”. A intervención busca poñer en valor o paso do Camiño polo municipio e reforzar a conexión de Touro coa experiencia xacobea desde unha mirada contemporánea e emocional.

O mural representa a unha muller peregrina que percorre o Camiño en bicicleta, simbolizando a procura persoal, a reflexión e a viaxe interior que moitas persoas atopan ao realizar a ruta cara Santiago. A obra combina elementos históricos e simbólicos vinculados ao Camiño cunha lectura aberta e persoal, convidando a veciños e visitantes a deterse, observar e sentirse reflectidos na experiencia da viaxe.
PUBLICIDADE
Entre os detalles da composición destacan a cuncha de Santiago incorporada na bicicleta, referencias á tradición ciclista impulsada pola comunidade holandesa e unha bandada de estorniños que atravesa o ceo como metáfora de liberdade, migración e transformación.
A artista explica que o mural nace da idea de que “o Camiño pode converterse nunha forma de meditación en movemento”, deixando aberto o significado de moitos dos seus elementos para que cada persoa poida interpretalos desde a súa propia experiencia.
PUBLICIDADE
Esta actuación súmase a outras iniciativas impulsadas polo Concello de Touro para poñer en valor o Camiño de Santiago e o patrimonio vinculado ao territorio, consolidando unha liña de traballo que aposta pola cultura, a arte urbana e a promoción turística como ferramentas de dinamización local.
Con este novo mural, Touro continúa reforzando a súa identidade como municipio ligado ao Camiño, ofrecendo a peregrinos e visitantes novos espazos de interese cultural e artístico que enriquecen a experiencia de quen atravesa o municipio.








Comentarios