top of page
Foto del escritorLaura Moure

Touro, Boimorto, Santiso, Sobrado e Toques reciben axudas para o saneamento e as depuradoras

Estas achegas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade serven para apoiar aos concellos máis pequenos, cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes


Laura Moure/Comarcas de Arzúa/Terra de Melide

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Touro, Ignacio Codesido, visitou a depuradora do municipio, onde informou que a Xunta investirá máis de 38.000 euros para levar a cabo melloras no pretratamento desta planta. Trenor destacou que esta axuda inclúese dentro da nova orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para apoiar aos concellos máis pequenos, cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, na execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, á que destina un investimento global que rolda os catro millóns de euros en toda Galicia.

Visita á depuradora de Touro.


No caso dos concellos de Santiago e da súa contorna, o delegado da Xunta, informou que estas axudas beneficiarán a sete municipios: Boimorto, Frades, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Val Dubra que recibirán en total máis de 315.000 euros para garantir o funcionamento óptimo dos seus sistemas de abastecemento municipal ou para actuar na modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes, así como á construción de novas infraestruturas.



Con esta liña de subvencións, a Xunta trata de apoiar actuacións nos municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes para garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local. O límite máximo das axudas foi de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Así, os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración. Os catro millóns cos que estaba dotada esta orde de axudas distribuíronse en dous grupos: o 50% do importe a obras executadas en sistemas de abastecemento e o outro 50% restante a obras executadas en sistemas de saneamento e depuración. Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.


Con esta iniciativa a Xunta segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page