Touro acollerá o 11 de outubro a IV Carreira Os do Jatillo, 5 horas de resistencia
Na proba participarán moitos dos mellores pilotos de quads de España
Laura Moure/Touro
Touro prepárase para vivir este domingo, 11 de outubro, unha nova xornada dedicada ao motor coa celebración da IV Carreira Os do Jatillo – 5 H de Resistencia, unha proba organizada polo club Os do Jatillo coa colaboración do Concello de Touro.

A competición terá unha duración de cinco horas e dará comezo ás 10:30 horas, cunha modalidade que permitirá participar en solitario ou por parellas. Contará coa participación de moitos dos mellores pilotos de quads de España.
A programación arrancará pola mañá coas verificacións, entre as 8:00 e as 9:30 horas, seguidas do briefing, previsto de 9:30 a 9:40 horas. Posteriormente, terá lugar a volta de recoñecemento, entre as 9:50 e as 10:20 horas, e a colocación na parrilla.
PUBLICIDADE
A saída da carreira está fixada para as 10:30 horas. A chegada da modalidade individual será ás 13:30 horas, mentres que a proba por equipos finalizará ás 15:30 horas. A entrega de premios está prevista para as 16:00 horas.
A IV Carreira Os do Jatillo contará tamén con premios en metálico para os cinco primeiros clasificados.
PUBLICIDADE
O evento dá continuidade á vinculación de Os do Jatillo coa organización de competicións de motor en Touro. O club xa organizara anteriormente probas de quad cross country e motos no municipio, que chegaron a reunir máis dun cento de participantes.
Dende o Concello de Touro agradecen ao club que aposte polo municipio cun evento de carácter nacional que atrae a centos de visitantes ao concello e que dinamiza o comercio local ao celebrarse nas inmediacións do núcleo urbano de Fonte Díaz.









Comentarios