Toques reformará a Escola unitaria da Cabana para vivenda e a zona da Igrexa de San Martiño de Oleiros
- Laura Moure

- hace 12 horas
- 2 Min. de lectura
A Xunta financia estas intervencións cun préstamo total de 140.000€ do Fondo de Cooperación, a través desta liña dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes
Laura Moure/Toques
A Xunta colabora co Concello de Toques na rehabilitación de Escola unitaria da Cabana, e no acondicionamento do entorno da igrexa de San Martiño de Oleiros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou onte co alcalde deste municipio, José Ángel Penas García, dous convenios de colaboración para o financiamento destas dúas actuacións. No acto de sinatura tamén estivo presente a directora territorial da Consellería na Coruña, Begoña Freire.

Trátase da concesión de dous préstamos, sen xuros, do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes, que suman un importe total de 140.000 euros, 70.000 € para cada unha das actuacións.
En concreto, a través destes préstamos, o Concello de Toques poderá executar as actuacións necesarias para executar as obras de rehabilitación da Escola unitaria da Cabana para destinala a vivenda accesible, así como os traballos necesarios para o acondicionamento do entorno da igrexa de San Martiño de Oleiros, de estilo románico e elemento patrimonial relevante, especialmente no contexto dos Camiños de Santiago, ao formar parte do Camiño Primitivo.
No caso concreto da actuación na escola unitaria, as obras centraranse en reformar por completo o edificio para que poida albergar dúas vivendas accesibles, unha na planta baixa e outra na planta alta, mellorando tamén a súa imaxe exterior.
Publicidade
Pola outra banda, as intervencións no entorno da Igrexa de San Martiño concentraranse en ordenar e mellorar o espazo público arredor da igrexa e do cruceiro, creando unha contorna máis segura, accesible e agradable. Destaca así, tamén, a habilitación dunha zona verde de lecer para a veciñanza e a mellora dos accesos ao cemiterio e ás vivendas próximas.
Publicidade
Estas intervencións desenvolverase mediante esta iniciativa da Xunta que está destinada a financiar obras de conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles para rehabilitar en municipios con poboación máis pequena.
Este préstamo, a devolver en 8 anos, correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, dotada dun total de 3,7M€.








Comentarios