Telefónica inicia o traslado da central da rúa Trasdeza, un espazo que permitirá ampliar a biblioteca
A planificación futura integrarase nun Plan Director de usos dos edificios culturais, no que xa está a traballar o goberno local e que abordará tamén os novos usos do antigo consistorio de Silleda
Laura Moure/Silleda
Telefónica vén de iniciar os traballos para o traslado e desmantelamento da central telefónica que ocupa actualmente unha edificación situada no patio da Casa da Xuventude, na rúa Trasdeza, dando así un paso definitivo para que o Concello de Silleda poida recuperar este espazo e destinalo á ampliación e mellora da Biblioteca Pública Municipal Daniel Castelao.
A actuación chega despois das xestións realizadas polo Concello nos últimos anos para conseguir a liberación dun inmoble que ocupa boa parte do patio central da Casa da Xuventude e que condicionaba ata o de agora calquera ampliación das instalacións bibliotecarias. Telefónica aceptara, a petición do Concello, efectuar a entrega das instalación.

A previsión inicial era completar a saída durante 2025, pero por cuestións técnicas, a compañía comunicou ao Concello a necesidade de ampliar o calendario previsto debido precisamente á complexidade técnica dos traballos e á reorganización dos equipos encargados da intervención. A Xunta de Goberno Local aceptou como nova data estimada para a entrega o mes de setembro de 2026, podendo anticiparse se os traballos rematan antes. A empresa asumiu ademais o aboamento da renda correspondente a todo este período adicional de ocupación.
O inicio agora dos traballos de traslado permite avanzar xa de maneira efectiva cara á recuperación dun espazo que o goberno municipal considera clave para reforzar as dotacións culturais da vila.
PUBLICIDADE
Un Plan Director para os edificios culturais
Neste sentido, o Concello, como xa se informou no seu día, está xa a traballar nun Plan Director de usos dos edificios culturais municipais, unha ferramenta que permitirá definir de maneira conxunta e coordinada as necesidades, posibilidades e futuros usos dos distintos inmobles.
Este documento incluirá tanto a ampliación e mellora da Biblioteca Daniel Castelao e da Casa da Xuventude como a definición dos novos usos do antigo consistorio, tamén situado na rúa Trasdeza e cuxa rehabilitación se abordará igualmente dentro da planificación municipal.
PUBLICIDADE
O Concello continuará agora co seguimento dos traballos de Telefónica e coa planificación técnica necesaria para que, unha vez formalizada a entrega do inmoble, poidan darse os seguintes pasos para a transformación deste ámbito municipal.









Comentarios