top of page

Tania Fernández, Valeria Georgiev, María Hermida e Antía Álvarez gañan o concurso de Chorima

A entrega de premios deste certame cultural será o día 5 de xuño na biblioteca municipal de Lalín e inaugurarase unha exposición das obras participantes


Laura Moure/Deza

Con motivo do mes das Letras Galegas a Asociación Cultural Chorima de Lalín convocou o concurso literario Letras para Asubiar! E este luns dá a coñecer os seus ganadores e os seus relatos que se publican en exclusiva en ECOS DA COMARCA. Ademais, o colectivo, ante a cantidade de obras presentadas, decidiu en vez de que houbera un gañador por cada modalidade, que houbese dous e outorgar así catro premios.

O xurado durante o fallo.


Na CATEGORÍA XUVENIL, en relato gañou O canciño que axudou a voar ó paxariño de Tania Fernández. Ela é alumna de sexto curso do CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón


Seguindo na categoría xuvenil, en poesía, o vencedor foi Quédome soa de Valeria Georgiev González. É alumna do primeiro ciclo de ESO no IES Laxeiro de Lalín.


Pola contra, na CATEGORÍA ADULTA no modo de relato, gañou Auroriña de María Hermida, quen é natural de Rodeiro, pero reside en Vilagarcía, e en poesía o premio é para o poema de Antía Álvarez Moure, o cal non ten título.


Entrega de premios

A biblioteca municipal de Lalín acollerá o sábado 5 de xuño a entrega dos premios ás 17:00 horas. Ademais, inaugurarase unha exposición con todas as obras participantes.


OS RELATOS GAÑADORES:


Autora: TANIA FERNÁNDEZ


 

Autora: VALERIA GEORGIEV GONZÁLEZ


Quédome soa,

Sen ninguén que me acompañe,

Nos meus días finais,

onde todo se volve escuro para min.


Comeza a pesarme o corpo,

pero resisto, aguanto,

aínda non é a miña hora,

aínda me quedan cousas por facer.


Quero despedirme da familia,

dos meus amigos,

e ata dos meus inimigos,

pero xa é tarde.


Síntome moi cansada,

agotada,

e caio nun profundo sono,

do que sei que xamais volverei espertar…



 

Autora: MARÍA HERMIDA


Auroriña

O día que Auroriña ía morrer, ergueuse máis cedo do que acostumaba. Vestiu unha saia verde que lle lembraba á da Carolina co lagarto pintado, e calzou tacóns. Púxose diante do espello e pareceulle ver á muller máis fermosa do mundo. Pintou os beizos e saíu da casa cun sorriso. No camiño esperábaa Amancio, o taxista. «Tira ata Lalín, para na residencia dos vellos, e nunha hora volves por min», ordenoulle.


Non tardou en recoñecer a Celso. Ollos fundidos, boca torta, pernas inútiles, mans de pau… Iso era o que quedaba de Celso, o Ferreiro. O seu amor. Auroriña díxolle que non houbera outro. Que sempre fora el. Que aturara mellor cada malleira pensando que había alguén que si a quería. E deixoulle a fronte vermella tras o único bico de amor das súas vidas.


Sentou no taxi chea de gozo. «¿Auroriña, non tes medo de que Pepe te vexa así vestida?», preguntoulle Amancio. «Tranquilo, xa contaba con morrer hoxe», espetoulle Auroriña. E aquel día no que ía morrer, Auroriña non morreu. Que a mataron.



 

Autora: ANTÍA ÁLVAREZ MOURE


Desde este limiar paradóxico

admito o meu medo á poesía,

atérrame afondar en min mesma,

estreméceme verme asolagada nesta calixe

sen faro escintilante que me guíe.


Afogo nesta tristura

cun nó mariñeiro na gorxa

e avanzo fremente, meu ben,

coa intranquilidade como soporte.


Coa señardade arraigada entre os seos

lembro a ausencia

de quen labraba leiras no meu peito

para ver agromar sementes de tenrura.


Agora, tan só son terras ermas

onde a espesura da fraguiza

medra salvaxe e escura

cubrindo os meus adentros.


Se cadra, algún día voltarei

coa forza da treboada

para ser un anaco de terra vouga

que vai medrando sen acougo

provocando terrexío

a quen non respirou xamais

a liberdade.



0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page