Tamara Blanco, enxeñeira forestal, recoñecida como (in)Visible 15-O en Silleda
- Laura Moure

- 14 oct 2025
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda homenaxeará este ano a Tamara Blanco Calviño, co nomeamento de (in)Visible 15-O, no marco dos actos organizados pola Concellería de Igualdade con motivo do Día Internacional da Muller Rural. Residente en Silleda dende hai anos, Tamara Blanco Calviño, (máis coñecida como Tatty) está fondamente vencellada ao municipio, onde ten raíces familiares e unha traxectoria vital marcada pola relación co medio rural. Criada entre o pobo e a aldea, viviu de preto a realidade das explotacións gandeiras e leiteiras, experiencia que lle espertou a curiosidade polas plantas e a vocación por coidar da natureza.
Esa paixón levouna a cursar o Ciclo Superior de Forestais en A Granxa (Ponteareas) e posteriormente a converterse en enxeñeira técnica forestal, formándose entre a Escola Politécnica Superior de Lugo e a Universidade Federal de Santa María, en Rio Grande do Sul (Brasil).

O seu percorrido profesional no sector forestal comezou como peón de incendios forestais, asumindo con dedicación todas as categorías: condutora especialista, xefa de brigada e técnica de maquinaria pesada nos distritos forestais XVI e XVIII (Deza-Tabeirós e Vigo-Baixo Miño). Tamén percorreu Galicia facendo sinalamentos de madeira en pé e exerceu como inspectora técnica no Banco de Terras de Galicia e nas Aldeas Modelo.
Ademais, imparte cursos de formación a brigadas de incendios forestais, transmitindo coñecementos e experiencia a novas xeracións de profesionais. Actualmente traballa en Tragsatec, dentro da encomenda de actualización da base de datos da xestión de augas da Confederación Hidrolóxica Miño-Sil, no marco do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO).
Publicidade
O seu exemplo simboliza a presenza crecente das mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado: “O sector forestal segue a ser minoritario en mulleres, pero cada vez somos
máis as que deixamos pegada como enxeñeiras, axentes forestais, bombeiras ou motoserristas, grazas ás compañeiras que abriron camiño e aos compañeiros que nos respectaron por igual”, sinala Tamara.
O acto de recoñecemento terá lugar o venres 17 de outubro ás 20:30 horas na Praza Siñor Afranio, no marco da celebración do Día da Muller Rural, que inclúe tamén o espectáculo “Fume” da compañía Máis que Danza. “Con esta homenaxe queremos poñer en valor o traballo das mulleres que, como Tamara, coidan, producen e fan medrar o rural galego, sendo referentes para as novas xeracións”, engade a rexedora, Paula Fernández.







Comentarios