Susana Conde Alonso, presidenta de ACEM, protagonista do programa (in) VISIBLES de xuño
- Laura Moure

- hace 29 minutos
- 3 min de lectura
A silledense foi elixida coincidindo coa conmemoración, este domingo día 21, do Día Mundial da ELA
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda dedica este mes de xuño, no marco do programa (in) VISIBLES, a Susana Conde Alonso, silledense nacida na parroquia de Ansemil e actual presidenta de ACEM, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas e raras. A súa elección como protagonista deste mes coincide coa conmemoración, este domingo día 21, do Día Mundial da ELA, unha data especialmente significativa para dar visibilidade ás persoas afectadas por esta enfermidade e ás súas familias, así como para reivindicar máis investigación, máis recursos e unha atención integral que contribúa a mellorar a súa calidade de vida.
Susana Conde Alonso foi diagnosticada de esclerose múltiple aos 19 anos, unha enfermidade que xa coñecía de preto, xa que a súa nai tamén a padecía. Durante anos conviviu co medo e coa incerteza propios dunha enfermidade neurodexenerativa, mais co tempo transformou esa experiencia nunha aprendizaxe vital e nun motor de compromiso social.

No seu testemuño, Susana defínese como unha muller que cre profundamente “na solidariedade, na empatía, na gratitude, na paz, na liberdade, no respecto, no compromiso e na capacidade de superación que todas as persoas levamos dentro”. Tamén explica que a enfermidade lle ensinou a coñecerse mellor, a valorar as pequenas vitorias de cada día e a descubrir unha fortaleza que nin sequera sabía que tiña.
A súa vinculación con ACEM naceu nun momento persoal moi difícil, no que atopou na asociación comprensión, apoio e persoas capaces de entender o que estaba a vivir. Pouco despois incorporouse á xunta directiva e, máis tarde, asumiu a presidencia da entidade, convertendo este labor nun proxecto profundamente persoal. “Traballo por min, por miña nai, polo meu fillo por se algún día o precisase, e por todas as persoas ás que poidamos axudar a mellorar a súa calidade de vida, aínda que sexa só un pouco”, sinala Susana, que lembra que ás veces “os pequenos cambios son os que máis transforman unha vida”.
Dende ACEM, da que é presidenta a día de hoxe, promóvense accións destinadas a mellorar a situación das persoas afectadas por esclerose múltiple, párkinson, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas e raras, así como das súas familias e persoas coidadoras. A entidade ofrece servizos como fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, atención psicolóxica, preparación física, traballo social, asesoramento xurídico e outras actividades complementarias.
A concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, destacou que o programa (in) VISIBLES “segue cumprindo o seu obxectivo de poñer rostro, nome e historia a mulleres que, dende diferentes ámbitos, deixan unha pegada fonda na sociedade”. No caso de Susana Conde, engadiu, “falamos dunha muller que converteu unha experiencia persoal dura nun exemplo de forza, empatía e compromiso colectivo”.
PUBLICIDADE
Troitiño subliñou ademais que “visibilizar historias como a de Susana tamén é falar de coidados, de saúde, de apoio mutuo e da importancia de contar con redes que acompañen ás persoas nos momentos máis complexos da vida”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, puxo en valor “a valentía e a xenerosidade de Susana, que non só afrontou a súa propia realidade con enorme fortaleza, senón que decidiu implicarse para axudar a outras persoas e familias que atravesan situacións semellantes”.
Fernández sinalou que “Silleda ten a sorte de contar con mulleres referentes, comprometidas e solidarias, que fan comunidade dende a discreción, o traballo constante e a humanidade”. A rexedora agradeceu a Susana “a súa disposición a compartir a súa historia e a contribuír a facer máis visibles realidades que precisan ser coñecidas, comprendidas e apoiadas”.
PUBLICIDADE
Susana deixa tamén unha reflexión sobre a importancia da pegada que cada persoa deixa nas demais: “Todos deixamos algo de nós en quen nos rodea, con cada conversa, con cada xesto de axuda, con cada acto de cariño ou de xenerosidade”. Para Susana Conde, o verdadeiramente importante é poder mirar atrás e sentir que se contribuíu, aínda que sexa un pouco, “a facer do mundo un lugar mellor”.
Co programa (in) VISIBLES, o Concello de Silleda continúa recoñecendo a traxectoria, o compromiso e a achega de mulleres vencelladas ao municipio, contribuíndo a darlles o espazo e o recoñecemento que merecen.








Comentarios