top of page

Silleda trasladará a Escola de Música ás instalacións da Fundación do Campo Galego durante a reforma

Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda e a Fundación do Campo Galego veñen de acadar un acordo para o traslado temporal da Escola de Música Municipal ás súas instalacións durante as obras de reforma integral deste centro cultural. Para garantir a continuidade da actividade lectiva e musical durante o tempo que duren os traballos, o alumnado e o profesorado da Escola de Música trasladaranse de maneira provisional ás instalacións da Fundación do Campo

Galego, situadas no recinto feiral da Semana Verde, unha opción que, segundo destaca a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, “é a mellor posible desde o punto de vista da seguridade e da funcionalidade, xa que permite manter toda a actividade docente e musical sen riscos para o alumnado nin para o profesorado”.


O traslado comezou a realizarse aproveitando o período non lectivo do Nadal, co obxectivo de minimizar o impacto no desenvolvemento académico. A alcaldesa explica que, “nos vindeiros días, en canto se adxudiquen as obras, se coordinará coa dirección da Escola todo o dispositivo para procurar interferir o menos posible na actividade académica”.

As instalacións da Fundación do Campo Galego dispoñen dunha superficie ampla e versátil que permitirá acoller con normalidade toda a actividade da Escola de Música Municipal. O espazo que utilizará a escola inclúe unha parte moi importante do edificio do autoditorio. Así pois, ponse a disposición da escola o auditorio principal, para ensaios das tres formacións do centro (Banda infantil, xuvenil e Banda de Música Municipal de Silleda), así como o hall de acceso, a zona de cafetería de 276 metros cadrados, que se utilizará como área de tránsito e organización e varias aulas para impartir clases individuais e colectivas.


Complétanse os espacios ofertados con seis salas de diferentes dimensións: dúas salas grandes de 135 metros cadrados cada unha, e catro salas adicionais de 36, 54, 33 e 32 metros cadrados, ás que se suman dous camerinos que se empregarán como aulas individuais, así como servizos hixiénicos e itinerarios accesibles para o alumnado e o profesorado.


Para facer posible esta solución, o Concello de Silleda asinará un convenio de alugueiro temporal dos espazos coa Fundación do Campo Galego, que permitirá utilizar as instalacións durante un período estimado de 12 meses, cun custo anual de 10.000 euros para o Concello. Trátase dunha cesión limitada no tempo e vinculada exclusivamente á execución das obras de rehabilitación.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Desde o Concello sublíñase que a Escola de Música Municipal é un servizo público esencial, polo que a prioridade pasa por garantir a continuidade do servizo durante as obras, asumindo que estas “van supoñer inevitablemente incomodidades durante varios meses, pero son absolutamente necesarias para mellorar a accesibilidade, a seguridade e as condicións do centro”, sinala a alcaldesa.


Paula Fernández Pena quixo agradecer expresamente a total disposición e colaboración da Fundación do Campo Galego e da Fundación Semana Verde de Galicia, que fixeron posible esta solución provisional, destacando que “tomar decisións coma esta non sempre é doado, pero é unha mostra de responsabilidade e planificación, pensando no benestar das familias, do alumnado e no futuro da Escola”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

O Concello informará puntualmente ás familias e á comunidade educativa de todos os detalles organizativos do traslado e do avance das obras, agradecendo a colaboración e comprensión ante unha actuación que permitirá contar, ao remate, cunhas instalacións modernas, accesibles e preparadas para seguir facendo da música unha sinal de identidade de Silleda.


A rehabilitación da Escola de Música Municipal conta cun orzamento total de 890.185,78 euros. O proxecto foi un dos poucos de Galicia que acadou financiación na liña de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte da Xunta de Galicia, ao abeiro do Fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local cunha achega de 445.092,89 euros (50%). Para completar a financiación o proxecto foi presentado tamén ao Plan Provincia Extraordinaria 2025 da Deputación de Pontevedra.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page