Silleda Sostible inicia o lavado de colectores no rural
- Laura Moure
- 3 abr 2024
- 2 Min. de lectura
Aberta a convocatoria para solicitar as axudas deste Concello a entidades culturais, deportivas e veciñais
Laura Moure/Silleda
Silleda Sostible iniciou en días pasados o lavado de colectores nas parroquias do rural. Con esta acción, que mellora o servizo de recollida de lixo, dase ademais cumprimento ao contrato deste servizo municipal, con lavados periódicos das unidades. Estas tarefas continuarán nos vindeiros días, despois de ter procedido tamén ao lavado das unidades de carga lateral, que se foron renovando nos últimos meses.

Do mesmo xeito, o servizo tamén se mellorou nos últimos meses ca implantación do
colector marrón para a recollida de biorresiduos nos dous cascos urbanos, converténdose
Silleda no único concello das comarcas de Deza e Tabeirós en dar cumprimento á directiva
europea para a implantación desta recollida dende o pasado 1 de xaneiro.
No caso do rural, dende Silleda Sostible lémbrase que o Concello segue tendo a disposición de todas as persoas interesadas composteiros que se entregan de balde aos domicilios, para tratamento dos biorresiduos. As persoas interesadas poden chamar ao teléfono gratuíto 900 909 744.
Publicidade
Por outra banda, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publicou este martes a convocatoria das axudas do Concello de Silleda para actividades dirixidas a colectivos culturais, clubs deportivos e entidades veciñais e/ou de participación social.
O prazo das solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación, rematando pois o vindeiro día 3 de maio.
As entidades poden consultar as bases e os anexos de solicitude na web municipal. As solicitudes deben de presentarse obrigatoriamente por Sede Electrónica no Concello de Silleda. Para calquera dúbida ou aclaración, as entidades poden dirixirse ao Concello de
Silleda chamando ao 986 580 000, ao departamento de Cultura e Deporte.
Commenti