Silleda solicitará a recuperación das paradas de tren existentes en Taboada, Abades e O Castro
- Laura Moure

- 24 sept 2025
- 2 Min. de lectura
O goberno silledense levará ao pleno deste venres esta proposta do IES Pintor Colmeiro
Laura Moure/Silleda
A Corporación Municipal de Silleda celebrará este venres ás 10:00 horas, a sesión ordinaria correspondente ao mes de setembro. Na orde do día do Pleno figura unha proposta de alcaldía para solicitar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a recuperación das paradas de tren existentes nas localidades de Taboada, Abades e O Castro, actualmente en desuso.
A iniciativa, que se someterá a votación da Corporación, pretende mellorar a mobilidade da veciñanza e, de maneira especial, do estudantado que se despraza a diario a cidades como Santiago, A Coruña ou Ourense. Estas paradas, pertencentes á liña Zamora–A Coruña, contaban ata 2013 con servizos de Media Distancia operados por Renfe, e o seu uso suporía unha alternativa máis sostible e eficiente fronte ao transporte por estrada.

A proposta enmárcase no proxecto educativo Red Compás, no que participa o IES Pintor Colmeiro de Silleda, que promove a mobilidade sostible, o compromiso cidadán e o coñecemento do territorio. A alcaldesa subliña que “esta iniciativa xorde do traballo e do interese da mocidade silledense, que está a dar exemplo de implicación social e capacidade de propoñer solucións para o futuro do noso rural”.
O texto que se eleva a pleno solicita ao Ministerio que realice un estudo técnico e social para avaliar a viabilidade da recuperación destas paradas, tendo en conta a demanda potencial, o impacto positivo na cohesión territorial e no desenvolvemento económico, así como a contribución á loita contra a despoboación e á redución da pegada de carbono.
PUBLICIDADE
Dende o goberno municipal a alcaldesa, Paula Fernández, destaca que esta iniciativa é “unha aposta clara pola vertebración territorial e polo aproveitamento do patrimonio ferroviario existente”, e amosa a súa disposición a colaborar co Ministerio e co resto de administracións para facer realidade esta demanda histórica.
Ademais da proposta sobre as paradas de tren, o pleno abordará outros asuntos como a aprobación da Conta Xeral do exercicio 2024, -que xa se aprobou inicialmente e estivo exposta-, ou a ratificación da solicitude efectuada pola Alcaldía a Medio Rural (inicialmente en 2018 e en 2024, unha vez aprobado o PXOM) para incluir os núcleos da parroquia de Oleiros no proceso de reestruturación parcelaria; unha ratificación que se fai necesaria despois dunha sentenza xudicial sobre un proceso de parcelaria noutro concello galego na que se pon de manifesto que debe ser o Pleno da Corporación quen efectúe a solicitude.
PUBLICIDADE
Tamén se inclue na orde do día unha moción do BNG para mellorar a sinalización no municipio e a dación de conta de informes de control económico-financeiro.








Comentarios