Silleda saca a poxa dúas parcelas do polígono Área 33 para atraer empresas e xerar actividade económica
- Laura Moure

- hace 2 horas
- 3 Min. de lectura
O prazo de presentación de ofertas, ata o 25 de maio
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda aprobou a saída a poxa pública de dúas parcelas municipais situadas no polígono empresarial Área 33, unha medida coa que o goberno local busca transformar solo sen uso en oportunidades reais para a implantación de novas empresas.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, enmarca esta decisión nunha estratexia clara: “non ten sentido manter solo industrial parado cando pode converterse en emprego, actividade e oportunidades para Silleda”.
A primeira das parcelas que sale a poxa, de 991 metros cadrados, está situada na fase antiga do polígono e procede da modificación puntual número 1 do Plan Xeral, aprobada o pasado día 13 deste mes. “Esta actuación urbanística permitiu reordenar zonas verdes e solo industrial, resolver conflitos históricos de lindes na Área 33 e, ao mesmo tempo, xerar unha nova oportunidade para o futuro económico de Silleda”, sinala a alcaldesa e responsable de Urbanismo.

A segunda parcela, conta con 1.551,51 metros cadrados, e está situada na nova zona do polígono e forma parte do solo cedido ao Concello tras o desenvolvemento desta fase por parte de Xestur, “e que agora, no marco deste mesmo expediente, se pon en valor para facilitar a implantación de nova actividade empresarial”, engade a rexedora.
Ambas parcelas, de titularidade municipal e integradas no Patrimonio Municipal do Solo, saen a licitación cun prezo base de 60.550,10 euros para a parcela de 991 metros cadrados e 94.797,26 euros para a parcela de 1.551,51 metros cadrados, cantidades ás que se sumará o IVE correspondente. En conxunto, o valor de ambas supera os 155.000 euros máis IVE.
PUBLICIDADE
O proceso realizarase mediante poxa pública a sobre pechado, o sistema ordinario previsto pola normativa para a venda de bens municipais, garantindo os principios de publicidade, concorrencia e transparencia. As persoas ou empresas interesadas deberán presentar as súas ofertas a través da Plataforma de Contratación do Estado nun prazo de 30 días naturais desde a publicación da convocatoria, prazo que rematará o vindeiro 25 de maio. As propostas económicas realizaranse á alza, sendo adxudicadas as parcelas a
quen presente a mellor oferta.
O Concello fixou ademais condicións claras para evitar a especulación e garantir o uso real das parcelas. As empresas adxudicatarias estarán obrigadas a solicitar licenza nun prazo máximo de seis meses, iniciar as obras en tres meses desde a súa concesión e completar a edificación nun prazo de dous anos. O incumprimento destes prazos poderá supoñer penalizacións e mesmo a reversión da parcela ao Concello, reforzando así o carácter finalista da operación.
PUBLICIDADE
Os ingresos que se obteñan desta poxa non serán de libre disposición, senón que deberán destinarse obrigatoriamente aos fins do Patrimonio Municipal do Solo. Isto implica reinvestilos na adquisición de novo solo, na promoción de vivenda, na urbanización de terreos ou na mellora de espazos públicos. “É un modelo no que o solo público xera recursos que se reinvesten en máis oportunidades”, sinala a rexedora.
Con esta iniciativa, o Concello continúa avanzando nunha liña clara de política económica: activar o solo dispoñible, facilitar a implantación de empresas e reforzar o papel do polígono como motor de crecemento. “A posta en marcha desta poxa supón, en definitiva, converter recursos inmobilizados en actividade real, emprego e futuro para Silleda”, conclúe a alcaldesa.








Comentarios