Silleda repartirá camisetas en homenaxe a Begoña Caamaño no concerto de Mallou o 17 de maio
- Laura Moure

- hace 29 minutos
- 2 Min. de lectura
A iniciativa dá continuidade á liña de agasallos conmemorativos impulsada nos últimos anos pola Concellería de Cultura con motivo das Letras Galegas
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda repartirá este domingo, 17 de maio, camisetas conmemorativas en homenaxe a Begoña Caamaño, autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, coincidindo co concerto de Mallou, que terá lugar ás 12:00 horas na praza Siñor Afranio dentro do programa Máis Música da Deputación de Pontevedra.

A entrega destas camisetas realizarase como agasallo entre o público asistente, ata fin de existencias, e enmárcase na programación municipal das Letras Galegas 2026, que este ano se desenvolve baixo o lema “A palabra rebelde” e que ten como eixo central a figura da escritora, xornalista e comunicadora Begoña Caamaño.
Con esta iniciativa, a Concellería de Cultura dá continuidade á liña de actuacións impulsada nos últimos anos con motivo das Letras Galegas, nas que se teñen repartido diferentes elementos conmemorativos entre a veciñanza, como camisetas, tazas ou altofalantes para dispositivos móbiles, co obxectivo de achegar a celebración á rúa e facer partícipe á cidadanía dunha data clave para a lingua e a cultura galegas.
PUBLICIDADE
Con Enredos Teatro
A xornada central do domingo comezará ás 11:30 horas, tamén na praza Siñor Afranio, coa participación do grupo silledense Enredos Teatro, que realizará unha lectura teatralizada da novela Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño. A proposta permitirá afondar na dimensión literaria da autora e na súa capacidade para revisar os mitos clásicos desde unha ollada contemporánea, crítica e feminista.
A continuación, ás 12:00 horas, será a quenda do concerto de Mallou, o dúo formado por Sabela Rey e Benxamín Vázquez, que nace arredor do amor polas músicas de raíz e como homenaxe ao gaiteiro Xoán Bello Mallou, avó de Sabela. A súa proposta combina música tradicional galega con sons da tradición americana, do blues, do soul e do country, creando unha atmosfera íntima, próxima e chea de identidade.
PUBLICIDADE
Desde o Concello anímase á veciñanza a participar nos actos previstos este domingo e a sumarse a unha xornada de celebración da cultura galega, da creación en galego e da memoria dunha autora que deixou unha fonda pegada na literatura e no xornalismo do país.








Comentarios