Silleda renovará o arborado na Avenida do Parque con especies de gran valor ornamental e ambiental
- Laura Moure

- 8 abr
- 2 min de lectura
Sustituirán ás acacias 4 “Acer” de gran porte e unha media de idade de 18 anos con selo de Galicia Calidade, aos que se suman outros 10 Liquidambar Globosum
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continúa avanzando na mellora da Avenida do Parque cunha renovación integral do arborado, apostando por especies de alto valor paisaxístico, adaptadas ao entorno urbano e pensadas para mellorar a calidade dos espazos públicos.
Na xornada de onte foron retiradas as 6 acacias negras que estaban afectadas por fungos patóxenos, unha actuación necesaria para garantir a seguridade e a saúde do arborado.

No primeiro tramo da rúa que ocupaban as acacias serán instalados nos próximos días catro grandes exemplares de Acer, que acompañarán ao castiñeiro existente, configurando unha composición arbórea singular. Trátase de árbores cunha media de arredor de 18 anos de vida, con copas que, nalgúns casos, alcanzan ata os 7 metros de ancho. Estes exemplares, ademais, contan co selo de Galicia Calidade e presentan diferentes tipoloxías de folla, o que permitirá crear un conxunto diverso e dinámico ao longo do ano. Conformarán este novo conxunto 1 Acer Katsura de 14 anos; 2 Acer Seiryu de 20 anos e un Acer Sango-kaku de 15 anos, exemplares cun perímetro de entre 60 e 80 centímetros.
Zona axardinada con bancos
Estes novos exemplares de gran porte serán os protagonistas dunha gran zona axardinada, con bancos e especies arbustivas e aromáticas que formarán unha composición vexetal que será a nova fachada da avenida. Ademais, ao tratarse de especies caducifolias, estes árbores ofrecerán cambios estacionais moi marcados, achegando cor, luz e confort ao espazo urbano, especialmente nas épocas de primavera e outono.
No resto da avenida, completarase a actuación coa plantación de 10 exemplares de Liquidámbar globosum, cun perímetro de tronco de 40 centímetros, que se situarán na marxe dereita do seguinte tramo da vía. Estas especies contribuirán a reforzar a continuidade do arborado e a xeración de sombra.
PUBLICIDADE

O conxunto arbóreo complétase cas Magnolias stellata xa existentes na avenida (na zona de transición cara a praza da Igrexa), que se integran nesta proposta global de mellora paisaxística, na que tamén figuran os Viburnum Lucidum da rúa Santa Eulalia. Os novos exemplares serán plantados nos vindeiros días, completando tamén os traballos realizados no entorno co trasplante de dous Ligustrum e un tilo que estaban tamén no primeiro tramo ao lado da igrexa, asegurando así a súa conservación.
Os traballos de tala acometidos onte implicaron restriccións do tráfico na zona, reguladas pola Policía Local. Unha vez retiradas serán trasladadas, tal e como se recolle no proxecto a un vertedoiro.
Publicidade
Con esta intervención, o Concello de Silleda dá un paso máis na humanización da Avenida do Parque, creando un espazo máis amable, sostible e adaptado ás necesidades da veciñanza. Tamén nos vindeiros meses se completarán estas actuacións ca reforma integral do parque existente na praza da Igrexa, un novo investimento que tamén suporá a plantación de novos exemplares arbóreos.







Comentarios