top of page

Silleda rende homenaxe a Mariló Bueno dando o seu nome ao espazo de Benestar Social

A Corporación acordou por unanimidade recoñecer a traxectoria vital e o compromiso social dunha muller pioneira e fondamente implicada coa vida comunitaria do municipio


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda rendeu homenaxe esta tarde a María Dolores Bueno Paisano, Mariló Bueno, falecida o pasado mes de novembro, dando o seu nome ao espazo que ocupa o departamento municipal de Benestar Social, nun recoñecemento institucional á súa traxectoria e á fonda pegada que deixou na vida social, asociativa e política do municipio.


O acto, co que se pechou tamén a programación do 8M, foi introducido pola concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, quen destacou o carácter pioneiro de Mariló. Co acompañamento musical do pianista Antonio Soutiño, da Banda de Música Muncipal de Silleda, no acto invertiron tamén Conchi Cochón, integrante da directiva da Asociación de Mulleres de Silleda da que Bueno foi unha das impulsoras, e Mar Blanco, psicóloga de atención ao paciente da Asociación Española Contra o Cancro, entidade á que tamén estivo vinculada a homenaxeada.

En nome dos achegados, tamén interviu a silledense Obdulia Ramos nun acto cargado de emoción que pechou a alcaldesa, Paula Fernández Pena que puxo o foco na figura de Mariló Bueno como muller pioneira e referente á hora de abrir camiño na vida pública local, subliñando especialmente o seu papel no derrubamento de teitos de cristal no ámbito da política municipal. Fernández destacou que “nun momento especialmente complexo e nun contexto no que a presenza das mulleres nos espazos de decisión era aínda moi limitada, Mariló deu un paso adiante con valentía para converterse na primeira muller candidata á Alcaldía de Silleda por unha formación política . E fíxoo cando non

era doado, cando dar ese paso esixía determinación, convicción e moita fortaleza persoal, sinalou incidindo en que aquela decisión supuxo “abrir unha porta para moitas outras mulleres” e deixar unha pegada que vai moito máis alá da súa etapa política.


Logo das intervencións, descubriuse no segundo andar da casa do Concello o seu nome, ao que acompaña un código QR para acceder á traxectoria de Mariló, que deixou unha fonda pegada na sociedade silledense.


Natural de Cortegana (Huelva), Mariló foi unha desas persoas que non se limitaron a vivir nun lugar, senón que decidiron implicarse nel e contribuír a transformalo. Nun tempo no que ás mulleres do rural se lles reservaba demasiadas veces un papel secundario, ela deu un paso adiante para organizar, propoñer e participar activamente na vida pública.


Así, entre 1990 e 2001 presidiu a Asociación de Amas de Casa Xuntanza, xurdida da iniciativa dun grupo de mulleres que buscaban mellorar a vida cotiá e os dereitos das mulleres do rural, tanto no ámbito familiar como no social. Foi unha etapa na que Mariló contribuíu a abrir camiños, facendo visible unha voz feminina comprometida e transformadora.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Tamén desenvolveu un papel fundamental na Asociación Española Contra o Cancro, ao ser nomeada en novembro de 1991 presidenta da súa Xunta Comarcal. A súa etapa estivo marcada por unha actividade intensa e pegada ao territorio, impulsando accións de apoio ás persoas enfermas e ás súas familias, promovendo axudas directas e materiais, e facendo posibles iniciativas de grande impacto como a chegada dunha unidade móbil de prevención do cancro de mama, a posta en marcha dun vehículo de coidados paliativos ou a creación, en 1993, do club xuvenil “Smoke Busters”, con campañas de sensibilización e prevención. Daquela implicación quedou, sobre todo, unha rede de coidado e acompañamento para combater a soidade e apoiar ás persoas nos momentos máis difíciles.


A súa pegada chegou tamén ao ámbito institucional. Mariló Bueno formou parte da Corporación municipal entre 1995 e 1999 en representación do PSOE, como líder da oposición, converténdose na primeira muller candidata á Alcaldía no Concello de Silleda. Foi, neste sentido, unha figura pioneira que rompeu unha barreira histórica e abriu tamén unha porta simbólica para outras mulleres.


Entre as lembranzas desa etapa política queda, ademais, a súa defensa firme da necesidade de construír un instituto en Silleda, unha aspiración que acabaría materializándose en 1999 coa creación do IES Pintor Colmeiro.


Mariló tamén deixou a súa impronta no ámbito das tradicións e da relixiosidade popular, como fundadora e presidenta da Cofradía da Virxe das Dores en Silleda, incorporando á vida local elementos e costumes da súa terra natal andaluza e facendo desa mestura unha identidade propia, compartida e viva.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

Foi, en definitiva, unha muller con criterio, cunha presenza pública pouco habitual no seu tempo e cun compromiso claro co rural, coas mulleres e coa vida comunitaria. Unha auténtica dinamizadora social, que afrontou tamén con enorme dignidade a enfermidade nos seus últimos anos.


O acordo adoptado por unanimidade pola Corporación municipal para dar o seu nome ao espazo de Benestar Social quere recoñecer precisamente esa traxectoria vital exemplar, marcada pola entrega aos demais, pola capacidade de iniciativa e pola vontade de mellorar a vida da xente.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page